A música galega soará na Baldosa e o festival Escoitame levará caras coñecidas a Fefiñáns

A música predomina na oferta cultural destes días, pero tamén hai teatro, libros e deporte


A dous días da festividade do Día das Letras Galegas sucédense as actividades culturais na comarca, nas que a música terá un papel protagonista.

Vilagarcía

Logo de que o caracol sol-sol lle contase un conto aos cativos na biblioteca e dos bailes do festival Nós, hoxe volve a música ao auditorio (19 horas) cun concerto do conservatorio. Mañá a cita é pola mañá na Praza de Galicia, onde os escolares participarán nunha homenaxe a Antón Fraguas. O venres será a tradicional ofrenda floral a Rosalía de Castro (12.30 horas) e a música soará polas rúas de Carril a cargo de Malveiras. «Galicia Fermosa», con música composta polo veciño de Carril Juan Lemiña, empezará ás 13 horas. E para a noite, o Concello anuncia baile e festa na Baldosa cunha escolma de música galega da man da Duendeneta.

Cambados

A ofrenda floral a Cabanillas será este mediodía na Calzada; o xoves terá lugar a Carreira dos Institutos e o venres a actividade trasladarase ao auditorio de A Xuventude: ás 12.30 horas co concerto das Letras Galegas da Banda de Castrelo e ás 20.30 coa obra de teatro «Pepa a Loba». O venres hai outra cita importante, desta volta en Fefiñáns e con GaliciAME como protagonista. A asociación contra a atrofia muscular espinal (AME) volve a apelar á solidariedade dos cambadeses para recadar fondos. O festival Escoitame contará coas actuacións de artistas como Rosa Cedrón, Dani Barreiro, Vizcaíno, Jorge Casal e Pauliña. A música de verbena empezará ás 17 horas con Ritmo Joven, La ola, Galilea e Caxxon. Haberá inchables e maquillaxe para os nenos e unha gran paella que vai preparar Yayo Daporta. O menú completarase con empanada, xamón e polbo.

Vilanova

Na terra de Valle Inclán van celebrar o Día das Letras con teatro e con música. O 17 ás 20 horas, Tatana Teatro repite na igrexa da Pastoriza para poñer en escena «Pepa a loba, home morto non fala». Unha hora despois, arrinca no Terrón a primeira «jam session» de Vilanova, un concerto aberto coral e aberto á improvisación.

A Illa

A asociación cultural Dorna monta o venres festa rachada no Xufre, con música, poesía e a botadura dalgunha embarcación tradicional. Son As Letras do Mar, que serven para abrir a tempada da navegación tradicional na Illa. Mañá é a quenda da escola municipal de teatro, ás 21 horas no auditorio.

O Grove

Literatura e teatro mestúranse nos «Contos de Antón Fraguas» que ofrecen as marionetas Seisdedos, mañá ás seis da tarde na casa de cultura. O venres a Festa das Letras comezará ás 11 horas coa apertura dos postos dos libreiros na rúa Castelao. Pola mañá, Paradanda fará un pasarrúas e o grupo Barabunda porá a animación. Ás cinco da tarde actuará Cantodorxo na praza do Corgo. Esta asociación cultural fará a súa propia festa mañá pola tarde na Lanzada para conmemorar as vodas de prata.

Ribadumia

Na terceira gala homenaxe «Ribadumienses en prol do galego» que se celebra o venres no auditorio municipal actuará o grupo Luar na Lubre. A entrada é gratuíta, con invitación. Pola mañá celebrarase a Festa da Bicicleta.

Meaño e Meis

Este xoves pola mañá os nenos de Infantil e os alumnos da ESO asistirán aos espectáculos «Kenka e Kenko» e «Que Morro!!!», respectivamente. O venres a festa comeza ás 11 horas na alameda de Dena co Rilo e Penadique, a agrupación folclórica Penaguda e os alumnos escola de música municipal. En Meis hai hoxe un contacontos de Sole Felloza, ás 18.30 horas na biblioteca municipal.

Valga e Catoira

Valga celebra mañá pola mañá a Carreira da Lingua, polo que o Concello pide precaución á hora de circular pola estrada de Baño. No auditorio inaugura a exposición «Pintando as nosas letras» que se poderá visitar ata o día 31. No concello veciño de Catoira, mañá ás 17.30 horas no auditorio entregan os premios do certame literario das Letra; o venres tocará a Banda de Música no mesmo lugar ás 19 horas e o domingo actuará a soprano Loli Crespo ás oito da tarde.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

A música galega soará na Baldosa e o festival Escoitame levará caras coñecidas a Fefiñáns