Do día das Letras Galegas

AROUSA

MARTINA MISER

12 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O 17 de maio debería ser só un festivo para gozar da nosa lingua, dos nosos escritores, pero resulta unha data imprescindible para demandar normalización e dar berros de alarma. Xavier Alcalá ten falado do impaís e cara aí imos: a un lugar onde se dedica un día ao ano a reclamar falarmos o idioma propio. Non ten sentido. A Lei de Normalización Lingüistica á que se aferran as esquerdas e as dereitas que non están a monte, defendendo o uso do galego, cumpriu trinta e seis anos. Nesa norma establécese que a Xunta promoverá a progresiva normalización do uso do galego. Non sabería interpretar o de «progresiva normalización». Progresiva igual significa pouco a pouco porque van alá 36 anos!. Nese período convén destacar avances no uso administrativo oficial do galego por parte de Xunta e Concellos. Tamén no sistema educativo. Pero se botamos unha ollada ó redor non comprendemos que comerciantes e fabricantes rexeiten dar imaxe de autenticidade nos produtos, nos rótulos e, de paso, desprecen un mercado potencial de máis de trescentos cincuenta millóns de falantes de galego e portugués. Seguen vixentes as verbas do catedrático Ramón Mariño Paz na súa Historia da Lingua galega, onde identificaba aos grupos remisos á lingua galega: «Hoxe aínda quedan sectores como a Administración periférica do Estado, a Administración de Xustiza, a Igrexa, o Exército, as forzas e corpos de seguridade do Estado, o mundo empresarial ou a banca que continúan sendo refractarios á incorporación do galego». Pouco cambiou a situación desde a publicación desa obra. Segundo os datos de 2013 do Instituto Galego de Estatística, en Pontevedra fala sempre en galego un 22,53% da poboación, máis galego que castelán un 18,76%, máis castelán que galego un 26,81% e sempre en castelán un 30,66%. Sen embargo aquela escusa de «Es que no sé escribirlo y lo hablo muy mal» esgótase porque a maioría das persoas, hoxe, teñen a mellor formación académica en galego que xamais houbo. Ademais a obriga de conservar o galego xa non depende da voluntariedade de individuos. Non van volver nin Precursores, nin Irmandades da Fala, nin Grupos Nós. Están substituídos pola potencia do poder político: Agora é a Administración quen ten obriga legal de promover o galego. Nunca antes houbera un poder co deber de preservar e transmitir a lingua galega. Pero os medios que se están a poñer demostran que a dicción legal de progresiva normalización séguese a entender como algo para facer de vagar. Continúan os problemas de sempre: factores históricos, orixe social, hábitat e un feixe de condicionamentos moi estudados. E, por máis, xurdiu un inimigo descomunal: estamos na época das bases de datos, da intelixencia artificial, da robótica. Karel Çapek en 1920 foi o que empregou por primeira vez o termo robot que significa en checo algo así como traballador servil. Para o escudo de Galicia Castelao suxeriu o lema «Denantes mortos que escravos». De seguirmos así, os robots, supostos escravos, serán os que van escravizala nosa lingua. É vital un investimento masivo para introducir o galego no mundo dixital e utilizar tódalas facultades do poder para iso. Se non se fai darásenos por celebrar cabodanos da Lingua cada 17 de maio?