«O PXOM só sairá adiante se todos traballamos xuntos»

s. gonzález / a. garrido O GROVE / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

Otero defende un programa «realista», que fuxe das obras faraónicas e busca controlar o gasto

11 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai tres anos, Esquerda Unida estivo a piques de acadar un terceiro concelleiro. Só 39 votos separaron á formación esquerdista de lle arrebatar o seu octavo representante ao PSOE de José Cacabelos. Desta volta, José Antonio Otero asume o reto de encabezar a candidatura e reforzar a súa presenza no pleno para resultar decisiva no vindeiro mandato.

-Que é o primeiro que faría como alcalde?

-Unha auditoría da débeda. Debemos saber a onde se destinaron os cartos públicos e que empresas se viron beneficiadas para un maior control sobre o gasto. Esa auditoría debe incluír tamén os catro anos anteriores. Consideramos que nestes dous últimos mandados houbo un exceso de gasto. Esta medida vai acorde coa nosa liña programática, que se basea na transparencia das administracións. Ao mesmo tempo, EU pretende aprobar canto antes e aplicar a relación de postos de traballo, que logo de dez anos está sendo negociada cos sindicatos. Tamén imos tratar de recuperar os servizos públicos que este e outros gobernos externalizaron.

-Veremos algún día o PXOM aprobado e en vigor?

-Este alcalde accedeu á alcaldía grazas ao PXOM, prometendo a aprobación dun documento de mínimos logo da desastrosa proposta do tripartito do PP, PGD e Ameca. Pero non foi quen de cumprir, e incluso se opuxo a realizar unha segunda exposición pública, solicitada por el mesmo e aprobada por unanimidade a instancias dos veciños. Este documento só sairá adiante se hai un traballo conxunto de todas as forzas políticas, os sectores implicados e a veciñanza. Esta proposta xa foi posta enriba da mesa por EU, pero o goberno negouse a crear unha comisión de traballo. O tempo fainos entender a súa postura, pois dese modo non podería recibir os veciños no seu despacho para solucionar os problemas relativos ao documento.

-Que débeda histórica debería saldarse no vindeiro mandato?

-Non imos prometer ningunha obra faraónica para estes catro anos, o mesmo que hai catro anos, cando tomamos a decisión de facer un programa realista e realizable. Loxicamente, seguimos incorporando a necesidade de dotar ao Grove de grandes infraestruturas, pero no lugar de prometelo para catro anos, pensámolo como un traballo a estudar e valorar xunto con outras Administracións. Non son tempos de grandes investimentos para infraestruturas cando temos as actuais sen un mantemento correcto, e menos con financiamento unicamente municipal.

-Pero non hai algunha intervención á que se comprometan?

-Só hai dúas obras nas que si podemos comprometernos. Unha porque ten financiamento, que é o centro de día, e outra na que loitaremos incansablemente para que a realice a Xunta, que é o novo centro de saúde. Estas edificacións son unha demanda continua de toda a veciñanza, e considerámolas importantes e necesarias para o noso concello.

«Loitaremos incansablemente para que a Xunta constrúa o novo centro de saúde»