Amadeo Abal e Iria Campos gañan o quinto Carreirón 10K

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

07 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A Illa de Arousa viviu na mañá do domingo a súa quinta cita co Carreirón 10K, a proba coa que a vila mariñeira recuperou a mediados da década unha cita anual co atletismo convertida en tradición durante moitos anos, e perdida había tempo. Amadeo Abal Chaves (Ver El Nutrición Deportiva de Lugo) e Iria Campos Trabazo (Galaico Motobike) foron os gañadores absolutos desta edición, nun trazado de 10.200 metros que percorreu moitas das máis fermosas paraxes naturais do concello insular alternando todo tipo de firme, desde asfalto ata terra, pedra e madeira.

Amadeo Abal impúxose con autoridade, en 32 minutos e 22 segundos. Abel Barros González (Atletismo+9 Moraña) entrou segundo en 34.28, impoñéndose nun apertado final a Lucas Pouso Cortegoso, do Club Atletismo Cambados-Seguros Noval, que pechou o podio en 34.32.

Iria Campos Trabazo non tivo tampouco rival, entrando soa en meta en 40.36, polos 43.29 de Marta Calvo Serrano, subcampioa, e polos 47.19 de Míriam Maceira Pena, as dúas sen club.

Na categoría infantil os triunfos foron para Noé Abal Otero (C. A. Cambados) e para Xiana Bragaña Pardo (C. A. Outes).