Chaves tira do fío de Ariadna

AROUSA

MARTINA MISER

O artista vilagarcián abre na Rivas Briones unha mostra que condensa as súas teimas pictóricas

04 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai momentos nos que cómpre facer unha parada e mirar cara atrás. Moitas veces descubrimos, nese xiro, onde estamos e por que, de todas as ubicacións posibles, este é xusto o lugar que ocupamos no universo. Algo así parece querer facer Xaquín Chaves con Travelling, a mostra que onte abriu as súas portas na sala Rivas Briones, en Vilagarcía. A exposición está formada por arredor de trinta pezas, cada unha delas cunha misión específica: escarvar nas teimas artísticas do vilagarcián.

A mostra leva por título Travelling porque «pretende ser un percorrido, un movemento entre as miñas prioridades pictóricas», conta Chaves. Pero podería ter sido bautizada como O fío de Ariadna. O fío capaz de guiarnos a través do labirinto do Minotauro. O fío que tece a instalación artística que se descolga desde o lucernario da sala de exposición. Duino-Lois-Bora é o título dese traballo elaborado ex-aequo por Chaves e José Bravo. Miles de metros de fío azul e negro en potencial movemento. «Esta peza ten, tamén, a súa parte emocional. É coma unha homenaxe á miña nai, que sempre me tecía os xerseis de mezclilla e sempre me preguntaba se me gustaba o fío», relata o artista.

Pero, aínda que a instalación é probablemente o elemento que máis sorprenda de toda a mostra, a pintura é o que manda. Porque, sobre todo, Chaves recoñécese como pintor. E recoñécese especialmente na escolma de obras que decidiu presentar desta volta. Algunhas inspiradas nas texturas da natureza. Outras, perdidas na ortodoxia abstracta máis pura, como Boda Cretense. Algunhas, pontes directas a paraísos coñecidos, como Arousa. Unhas escuras, como o ceo anubrado de Lois ás seis da mañá, e outras cheas da luz da fin do verán arousán, como Zumaques sobre mar azul.

Catro pezas escultóricas completan o conxunto de obras co que Xaquín Chaves se esculca a si mesmo como artista. Están unidas polo fío invisible de Ariadna, que lle dá sentido ao conxunto, que o dota da solidez desa arte de apariencia sinxela, pero que se constrúe sobre traballo, sobre estudio de materiais, sobre a temperatura cromática.

Ata o mes de xuño

Travelling estará aberta na sala de exposicións de Vilagarcía -ese «luxo» ao que Chaves sempre quere volver- ata o 12 de xuño. Esta selección poderá ser visitada por todo aquel que teña gañas de coñecer un pouco máis as teimas e as prioridades dun pintor capaz de reivindicar, en colores cálidos, aos Beach Boys no Ramal, o peirao que ficará para sempre na súa memoria de rapaz arousán.