Cantos máis días para as Letras, mellor

Rosa Estévez
r. estévez VILAGARCÍA / A VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

A reivindicación do noso idioma marca a programación cultural deste mes en todo O Salnés; tomen nota destas citas

03 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Arrinca maio, o mes das flores e, tamén, o mes da lingua. Da nosa lingua. Nun contexto no que o galego non para de perder falantes, o 17 de maio vístese de resistencia, aínda que sexa con roupas de festa. En concellos como Vilagarcía ou A Illa, o programa de actos organizado con motivo desta data esténdese no tempo e arrinca mañá mesmo. Nos dous municipios comeza un ronsel de actos que culminará o día 17. Daquela, Vilagarcía mirará cara O Carril, onde haberá música, baile, ofrenda floral a Rosalía de Castro e sesión vermú. Ese mesmo día, na Illa, celebrarán unha desas cerimonias enchidas de tradición e sabor a mar: a botadura das dornas, con música de gaita e pandeiretas.

Pero vaiamos pouco a pouco. Comecemos a encher a axenda coas propostas do Concello de Vilagarcía. Este artellou a súa oferta arredor da figura de Antón Fraguas, o autor ao que este ano se lle dedica o 17 de maio. Arrinca o menú forte, con tres pratos que se poderán degustar mañá mesmo: música para nenos, conta contos e teatro, cunha obra que xira arredor da identidade galega neste confuso século XXI. Nos vindeiros días haberá espazo no cartel para música de todo tipo e condición: dende o folclore de Nós de Sobradelo, ata a música galega que a Duendenta fará sonar no centro da vila a noite do xoves 16. Sen esquecer, claro, a homenaxe que os escolares de Vilagarcía lle renderán a Fraguas no auditorio.

En Vilagarcía, a música ten un peso específico no programa de actos. Na Illa, pola súa banda, reina a variedade. Coma é habitual, o Concello buscou a complicidade de boa parte dos colectivos culturais da vila para artellar un programa no que hai música para todos os gustos -dende a de corais ata a de Sabeliña-, teatro e presentación de libros.

Escoitemos, primeiro, a música que vai soar na Illa. Porque o primeiro capítulo sonoro sentirase mañá, a partir das oito da tarde, no auditorio. Alí celébrase un festival de corais cun toque moi especial. Ademais da coral da Illa, subiranse ao escenario a de Mera e Queixumes de Hío. E tamén Malvaloca, unha coral madrileña que viaxa ata Galicia para ofrecer, a modo de agasallo, o seu repertorio en galego, que o teñen.

Dentro do menú musical das Letras Galegas da Illa tamén figura Pauliña, unha moza de Cambados que foi elixida polo colexio Torre Illa por unha boa razón: «Pensamos que a xente máis nova precisa ter referentes tamén novos de compromiso coa cultura e coa lingua». E Sabeliña cumpría perfectamente o perfil.

Pero na Illa, xa o dixemos, hai moito máis no menú. Atopamos dúas cuncas de teatro. Ou tres, se queremos ser precisos. O venres 10, a escola de teatro vai facer un pase dobre no auditorio. Os cativos sairán a contar unha historia cun título contundente: Non queremos perdices. Logo, os maiores porán en escena a peza Ata nas mellores familias. O teatro volverá ata A Illa o día seguinte, co espectáculo Cartoóns.

¿E os libros? No concello tamén pensaron niso, así que o municipio será escenario da presentación de dous volumes. O primeiro, o libro sobre o Céltiga que comezou a escribir José Alejandro García Fariña e que asumiu o risco de rematar Juan Otero, Genito. Será o venres 10, ás oito da tarde. E o día 15 o que se presentará será 1306/36, de Fernando Salgado.