«É positivo, pero hai que ver a letra pequena»

c. b. PONTEVEDRA / LA VOZ

AROUSA

RAMON LEIRO

27 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Jose Iglesias é vicepresidente da Asociación Galega de Técnicos en Emerxencias Sanitarias (Asgate). Este traballador de Ambulancias Pontevedra valora o avance do novo concurso de ambulancias.

-¿Que lle parece o que se coñece do novo concurso?

-Celebramos que haxa un aumento de recursos, iso é positivo. Inclúense dúas medicalizadas en O Salnés e Monforte, que era unha vella reivindicación. Pero quedan outras zonas como a Costa da Morte, O Barco ou Verín. No caso de Arousa era unha reivindicación de hai catro anos tanto a nivel hospitalario como de colectivos veciñais. É positivo, pero hai que ver a letra pequena.

-Na comarca de Pontevedra, ¿que melloras hai?

-Asgate leva desde o 2017 pedindo unha ambulancia asistencial 12 horas para a comarca de Pontevedra. O que se contempla é unha ambulancia sanitarizada, que leva técnico e persoal de enfermería, pero non médico.

-Isto é unha novidade. ¿Como o valoran?

-Unha ambulancia sanitarizada é un recurso de máis calidade. Ao levar un due -diplomado en enfermería- pode administrar fármacos e aforrar ingresos hospitalarios. Está por ver se van dous técnicos ou un só porque para mobilizar a un paciente é mellor dous. Falta por saber que vai pasar coa ambulancia de Marín, se vai estar 16 ou 24 horas.