Blanco e Touriñán exploran os seus límites

AROUSA

Martina Miser

Nuns días estrean en Vilalba «Unha noite na praia», unha obra de Javier Veiga que xa está rompendo todas as previsións. Tamén poderá verse na Coruña

26 abr 2019 . Actualizado a las 11:08 h.

Cando percorreron Galicia berrando «Somos criminais», Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán quedaron artisticamente unidos. Para o bo e para o mellor: o seu espectáculo encheu alá onde foi, seducindo ao público unha e outra, e outra vez, ata convertelo na peza coa maior recadación da historia do teatro en Galicia. Tras aquel éxito rotundo, os dous humoristas decidiron volver probar sorte xuntos. E, como lles vai o risco, decidiron facelo, ademais, saíndo da súa «zona de confort», probando novos rexistros. Nun par de semanas, estrean en Vilalba «Unha noite na praia», unha «comedia con mar de fondo» escrita e dirixida polo grovense Javier Veiga, que onte foi presentada na Illa.

En realidade, dixeron os tres vértices deste triángulo artístico, a peza íase estrear alí, no corazón da ría de Arousa. Era unha forma de lle agradecer ao Concello que lle tivera permitido ensaiar e poñer a punto o espectáculo no auditorio municipal. Se finalmente non é así, é por culpa de Pedro Sánchez, «que decidiu poñer as eleccións o 28 de abril, que era a data que nos tiñamos», aclarou Touriñán.

Así que a peza botará a andar en Vilalba o 10 de maio. E pasará, na primeira parte da súa xira, por Compostela, Lugo, Pontevedra, A Coruña, Vigo e Ferrol. En todas esas cidades hai previstos, como mínimo, dous pases. Boa falta van facer, porque as entradas estanse esgotando nada máis saír á venda. Para mostra, un botón: só o mércores pola tarde vendéronse mil pases para A Coruña e Ferrol.

Carlos Blanco, que foi quen facilitou estes datos, recoñece que as 9.000 entradas vendidas ata o momento son 9.000 bos motivos para estar orgullosos. Pero son, tamén, nove milleiros de razóns para os nervios, para a responsabilidade. Porque esta nova aventura, aclararon onte, non é «Somos criminais II». Isto, señores e señoras, é algo completamente distinto. Unha obra de teatro na que os dous artistas teñen que cambiar o seu rexistro habitual, ese no que se moven como peixes na auga. «Non sabemos, sequera, se a xente se vai rir», dicía onte Carlos Blanco. A resposta tena Javier Veiga. El é o autor do texto, que xa se representou hai uns anos en México, «e a xente ri, ri moito». «Estivemos pensando en ir a México a ver como o fan alá; aínda que só sexa para comprobar que nós o facemos mellor», sinalou Touriñán.

¿E que podemos contar do argumento? O xusto e necesario: o teatro non admite spoilers. Podemos avanzar que esta é a historia de dous homes que se atopan, ao solpor, nunha praia. Carlos Blanco é un turista sueco que non ten ganas de marchar para casa, e Touriñán un camareiro que non pensa máis que pechar o «chiringuito». Blanco recoñece que leva tempo «vendo ‘Españoles por el mundo’ e documentándome en Internet para ver como falan os suecos, e aprender algúns tacos... En sueco, claro». Touriñán asegura que a súa parte é máis doada: «A miña personaxe fala galego e é un pouco mona, coma min».

Javier Veiga promete, con esta historia, risas e misterio. En Arousa poderemos comprobalo este verán, porque a única parada estival que ten prevista o espectáculo será en agosto e será na Illa. «É un bo mes para vir aquí, está todo cheo de festas», sentenciou Touriñan. E nesto, certamente, leva razón.