«Ao mellor o primeiro equipo do Cortegada ten que pechar»

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

O club advirte do punto final se non muda a falta de apoio económico das institucións e das empresas, e do pobo vilagarcián

26 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Onte arrincaba a fase de ascenso á Liga Feminina en San Cristóbal de La Laguna. Unha cita na que o Celta Zorka aspira a regresar á elite do baloncesto feminino español. Unha fase de ascenso para a que a Agrupación Deportiva Cortegada só foi quen de reunir un par de veces os méritos e os cartos cos que adquirir o billete de participación desde o seu descenso á LF2 a comezos da década a piques de concluír. A falta de músculo económico tras os anos de razoable bonanza concedidos polo firme apoio de Extrugasa foi reducindo as opcións dun conxunto vilagarcián convertido entre finais do Século XX e comezos do XXI nun clásico da Liga Feminina. Pero o máis preocupante é que, oíndo o vicepresidente e voceiro do club, José Antonio Gorgoso, o partido do pasado día 13 fronte ao ADBA de Avilés no parqué de Fontecarmoa puido ter sido o derradeiro do Cortegada no baloncesto feminino profesional. A lo menos durante un tempo.

«Non o sei. Véxoo bastante complicado para a tempada que vén. Ao mellor o Cortegada ten que pechar», declaraba onte Gorgoso sobre o primeiro equipo da entidade, deixando ben claro que nada ten que ver a súa advertencia coa canteira, integrada dentro do sólido proxecto CLB que comparte co BBC. «Non hai apoios», denuncia Gorgoso. «Levamos moitos anos nisto -en referencia á maioría dos oito directivos que xestionan o Cortegada-, sen avance nas axudas nin compromiso co deporte feminino en xeral». Nun momento no que a igualdade de xénero figura á cabeza dos discursos de boa parte da sociedade, o vicepresidente da entidade deportiva denuncia a ausencia dunha demostración real da teoría por parte das «institucións públicas, os medios e as empresas». Pero tamén dunha cidadanía vilagarciá que, vistos os escasos 300 carnés de socio expedidos a presente campaña, semella vivir de costas a un equipo que a finais da pasada década chegou a levar o nome da localidade por media Europa, traendo a Fontecarmoa varios conxuntos da elite continental.

«Mentres non exista unha vontade de que o deporte feminino poida tirar para adiante, se non temos a certeza de ter os apoios para non pasar as penalidades de todos os anos para poder competir, non sei se o primeiro equipo vai saír a vindeira tempada», afirma Gorgoso. Un directivo que clama que «ás veces sínteste só» para encarar o reto de reunir da orde dos 130.000-140.000 euros do orzamento do primeiro equipo mentres, di, «se seguen buscando axudas para determinados deportes masculinos» do municipio.

Neste punto, o voceiro do Cortegada lamenta que «xamais no club se recibíu unha chamada de ningún político da localidade para interesarse por nós». E completa a súa reflexión sinalando que «unha cidade se constrúe con grandes e con pequenas cousas. E nós parece que non importamos. Así é moi difícil de manter un equipo. Se non hai garantías suficientes, así non se pode seguir».

Así as cousas, Gorgoso informa de que a directiva se reunirá en breve para comezar a preparar a asemblea de finais de maio, na que «falaremos claro, moi claro; e alto», e na que debería tomarse a decisión sobre o rumbo do primeiro equipo a un ano vista.

Sobre o último conxunto de LF2, o voceiro do club subliñou a súa «felicitación ás xogadoras e ao corpo técnico polo seu rendemento. Polas condicións coas que contabamos, foi inmellorable».