O Vilagarcía T.M. tira da recámara na súa guerra pola permanencia co Cambados

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

A Superdivisión vive esta fin de semana a súa antepenúltima xornada

13 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A Superdivisión de tenis de mesa vive esta fin de semana a súa antepenúltima xornada, antes do parón de dúas semanas pola disputa do Campionato do Mundo. É pois esta unha xornada dobremente sobranceira. Pola importancia de todos e cada un dos contados puntos que restan por disputar. E polo efecto psicolóxico dos resultados que se rexistren entre hoxe e mañá entre os tres equipos inmersos na pelexa pola permanencia na máxima categoría, o Visit Pontevedra, con 7 puntos, e o Cambados T.M. e o Vilagarcía T.M., empatados a 9. Un baile das sillas que rematará con dous dos implicados índose ao chan da División de Honra, e que, a lo menos esta fin de semana, pinta mellor para o Vilagarcía T.M.

E é que o equipo que xestiona Antonio Castro opta en Vilagarcía ao dobre de botín ca súa parella de adversarios. E iso, pola disputa do encontro co Borges Grup Vall aprazado no seu día, con inicio esta tarde ás seis. Diante, o Vilagarcía T.M. ten o terceiro clasificado, sen máis aspiración que a de defender o seu actual posto do Irún Leka Enea de aquí ao final da Liga, e que onte se medía o Vincios. Mañá, desde as once da mañá, a tripleta formada polo belga Jean Lauric, polo hispanocubano Renier Cabezas e polo ucraíno Sergei Nigeruk repetirá aliñación fronte ao San Sebastián de los Reyes, sexto clasificado.

Pola súa banda, o Cambados recupera o seu xogador franquicia, Quiu Liang, para tentar sorprender mañá a domicilio (10 horas) o Irún Leka Enea.