O porto de Vilaxoán, escenario do Campionato Territorial Sur

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

o campionato dará comenzo ás cinco da tarde

13 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O Club de Remo Vilaxoán exerce esta fin de semana no porto da localidade vilagarciá de anfitrión do Campionato Territorial Sur de Bateis. A cita que, un ano máis, determinará os catro representantes da provincia de Pontevedra en cada unha das dez categorías de idade do barco cativo de banco fixo que pelexarán, a vindeira semana en augas de Meira, polos outros tantos títulos autonómicos, e as prazas galegas no Campionato de España de finais de mes.

O Campionato Territorial Sur vive esta tarde en Vilaxoán, desde as cinco, as súas series eliminatorias. Con arredor de 75 tripulacións, en cálculos da organización, pelexando polas cinco prazas das finais, programadas para a mañá dominical a partir das once. O sistema clasifica para as regatas polos títulos e polos catro postos no Autonómico os mellores tempos nas eliminatorias de hoxe.

Os dous meses de tempada de bateis permiten falar de grandes expectativas para o remo arousán. Así os tres equipos da banda sur da ría son favoritos ao título na categoría infantil feminina, co Vilaxoán repetindo rol na xuvenil e Mecos na sénior. En homes, este último aspira aos cinco títulos, na categoría xuvenil con Vilaxoán e con Meira coma grandes rivais, co trono sénior moi aberto.