Pauliña: «Nesta xeración hai unha marabillosa efervescencia»

Carlos Crespo CAMBADOS

AROUSA

CEDIDA

A artista cambadesa, con toda a súa banda, actúa esta noite no Krazzy Kray xunto a The Buyakers

05 abr 2019 . Actualizado a las 10:38 h.

Tiña 16 anos cando Jasper a subiu por primeira vez como convidada a cantar con Nao. Seguramente aquela noite xa tomou unha decisión. Entre aquel soño e a actual realidade houbo unhas cantas idas e voltas, algún tropezo, varios tatuaxes, moitos concertos e infinitas horas coa guitarra no colo tecendo harmonías que arroupasen musicalmente as súas inquedanzas, a súa rabia e os seus anhelos. Que de todo iso hai en De-Xeneración, o seu primeiro disco, o que aos seus 24 anos a ten posto en órbita.

-E dende esa órbita disparas contra todo o que se move.

-E cada vez vou a peor (rise). Eu son a mesma persoa enriba do escenario e abaixo. Vivo igual, falo igual e teño as mesmas inquedanzas. O que defendo na miña vida deféndoo tamén nas miñas cancións e nos meus concertos.

-«E ti persistes en que a loita rematou / e nós pensando que aínda non empezou», dis en «Non é ficción». Cres que a día de hoxe hai en Galicia unha mocidade comprometida?

-Hai unha mocidade de entre 13 e 18 anos que está no momento de tomar conciencia, por exemplo fronte ao machismo ou fronte as inxustizas sociais. E é aí onde temos que incidir.

-Eres optimista ao respecto?

-Hai unha desmoralización enorme respecto desta xeración. E, jolín, só en Compostela a efervescencia que hai é marabillosa. Ves moitísima mocidade nas mobilizacións. Claro que hai conciencia. E somos cada vez máis. O que pasa é que tocounos, por desgraza, vivir unha época moi convulsa.

-Dis que os tempos van cambiando. A mellor ou a peor?

-Isto ten que rachar por algún lado para que eu poda ter fillas e fillos que non teñan que manifestarse o 8M. Eu era bastante pesimista pero estoume volvendo optimista vendo o que vexo cando vou aos concertos.

-O empoderamento da muller é outra das constantes nas túas letras.

-Nas miñas letras e na miña vida. Hai un compromiso moi forte porque vivín certo maltrato e vexacións na miña propia pel cando era moi nova. Por fortuna dinme conta, saín daquilo e tomei conciencia. Agora sei que falar e cantar diso axuda tamén a outras mulleres e paréceme marabillosamente incrible.

-Nas últimas semanas tes compartido escenarios con Ruxe Ruxe ou Nao, grupos que xa case existían cando ti naceras. ¿Como te sintes con eles?

-É que eu son fan de todos eles. Eu vou tocar con Ruxe ou con Nao e despois estou na primeira fila cantando todas as súas cancións. Admíroos. Como admiro a Ezetaerre, a Dios Ke te Crew, a Uxía, a Guadi Galego... Agardo que a miña música vaia madurando como madurou a deles.

-Musicalmente as túas referencias están fundamentalmente ubicadas no rock de raíz norteamericano.

-Son autodidacta e moi melómana. De nena escoitaba cousas moi raras: Daniel Johnston, Johnny Cash, Willie Nelson... Mestureino todo e saiu De-Xeneración. Pero se me preguntas que estilo de música fago non sabería dicircho. Cada canción sáeme diferente. Nas últimas, por exemplo, metín algo de ska.

-Que importancia lle das a estética dentro do teu proxecto?

-Levo tatuándome dende os 15 anos. Non por estética. Simplemente vou gravando un anaquiño das vivencias que vou tendo. E nos concertos vou con pantalón negro, camisa, tirantes e unha boina porque de nena eu vestía como un home e sempre se me insultou por iso. Entón, agora, como que o reivindico.

-Chegará o día no que Pauliña teña que deixar paso a Paula?

-Eu son Pauliña sempre. Son Pauliña no escenario, Pauliña servindo copas no Náutico ou Pauliña saíndo de festa polos festivais de Galicia.