Vilagarcía e Special Olympics amplían a súa sociedade

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

Fexdega acollerá por terceiro ano os Xogos Autonómicos de Deportes Minoritarios

07 mar 2019 . Actualizado a las 20:46 h.

O recinto feiral de Fexdega será este sábado o escenario da 24ª. edición dos Xogos Autonómicos de Deportes Minoritarios Special Olympics Galicia para persoas con discapacidade intelectual. Unha cita promovida pola sección autonómica do movemento mundial de pais e de nais Special Olympics, que leva décadas traballando co deporte como instrumento de integración social deste grupo de cidadáns altamente dependentes. Unha cita que o Concello de Vilagarcía acolle con orgullo por terceiro ano consecutivo. Orgullo que o seu alcalde, Alberto Varela, quixo facer patente na presentación da cita deportiva a través da súa breve pero elocuente intervención: «Todos os anos teño que darlles as grazas a Special Olympics polo seu labor, e polas mostras de cariño cara nós. Pero sobre todo, darlles as grazas aos deportistas, por facernos gozar do evento máis especial no programa da Fundación de Deportes de Vilagarcía. O día que Vilagarcía non siga colaborando con Special Olympics, deberá disolver a súa Fundación de Deportes, cuxo lema é ‘Deporte para todos’».

Acompañado tamén por Xosé Luis Queiruga, en representación de Con Eles Vilagarcía, e pola deputada provincial de Xuventude, Digna Rivas, o presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández, devolveulle os agradecementos ao alcalde e ao Concello de Vilagarcía, e á Deputación polo seu apoio, e felicitouse por que «cada ano son máis os deportistas» nestes Xogos Autonómicos de Deportes Minoritarios. Desta volta, 212 de 16 entidades das catro provincias de Galicia, acompañados por 60 adestradores e por 70 voluntarios. A inauguración da cita será mañá ás 10.45, co inicio da competición ás 12 e a clausura ás 19. Con competicións individuais, colectivas e adaptadas, e a chave como novidade.