«Somos unha xeración moi preparada, pero que nos comemos os mocos todas as mañás»

AROUSA

monica irago

«Números vermellos» é o título do seu primeiro libro, editado por Galaxia, no que mira ao mundo con ironía e unha dose de humor

07 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda que onte presentou na librería Follas Novas o seu primeiro libro -esperemos que veñan máis-, Ana Fontenla non é escritora. Ela é actriz. Para ser exactos, é actriz en paro. Pero nin toda a súa experiencia no teatro impediu que, onte, sentira certos nervios no estómago.

-Creo que este libro saíu dun concurso literario que non resultou como esperabas...

-Escribo dende que era cativa. Cando estudaba na escola de arte dramático, presenteime a varios concursos. Nunha destas, dous mestres meus, Inma López Silva e Roberto Pascual, que eran xurado do certame aquel, dixéronme que o traballo era interesante, fresco, que seguira por aí, e que igual debía pensar nun formato maior. Así o fixen. Púxenme a darlle forma ao libro, e de aíu saíu Número Vermellos.

-¿Por qué «Números Vermellos» para o título?

-Porque fala de precariedade laboral, artística... En certo sentido, é unha reivindicación. Só podo falar de igualdade e de precariedade porque é o que me toca máis directamente; espero algún día poder falar doutra cousa.

-¿Canto hai neste libro de diario dunha muller de 26 anos?

-Moito, absolutamente. Vai por aí. Escribino non só para recoller as miñas vivencias, que tamén, quixen recoller tamén as das miñas amigas e da xente que me rodea... Por esa necesidade de queixa e reivindicación, de dicir, ata aquí. É un libro moi xeneracional tamén. Porque é certo, somos unha xeración moi preparada, pero que se come os mocos todas as mañás. Esa foi un pouco a motivación principal para facelo.

-Emerxe tamén en moitos puntos a perspectiva de xénero, as reflexións sobre ser muller. ¿Buscábao?

-É unha busca da identidade. A inquedanza da busca para atoparme como muller e como traballadora, nun campo que pode ser a literatura, o audiovisual ou o teatro, que é o meu oficio. É difícil apostar por este tipo de vía e querer dedicarse ao mundo da arte. Pero teño clarísimo que é aínda máis difícil sendo muller. Ese é outro tema que pretende relatarse no libro.

-Bota unha mirada directa a ese “pantallismo” no que vivimos instalados...

-E do que eu son partícipe, absolutamente. Eu son a primeira que me sorprendo dándolle importancia a que esta persoa me deixou de seguir en Instagram, ou este tipo de movidas que hai agora, que son horribles. Procuro ser consciente, procuro traballar dende a conciencia. Por iso, todo isto está contado con certa ironía, porque son consciente desa contradición. Nese sentido, creo que é moi importante abrir conciencia. É moi fácil ir a unha cadea de roupa e comprar unha camiseta que poña “Feminism”, pero hai que ler, hai que formarse, para poder ser consciente das nosas contradicións e poder traballar nelas.

-O humor tamén se ve no libro. ¿É imprescindible para poder tragar o mundo que nos tocou?

-Eu, ante todo, son lectora e espectadora. E a min gústame, e agradezo moito, cando se tratan temas peliagudos, máis densos, dende unha perspectiva máis lixeira, con ese punto máis acedo. Iso é algo que agradezo moitísimo, e por iso é un exercicio que tamén intento facer.

-¿Como está sendo a resposta do público?

-Pois, a verdade, moi positivo. E me está sorprendendo, porque está é unha novela xeracional, pero hai xente que se aparta da miña xeración á que lle está gustando moito.

-¿Hai segundo libro á vista? ¿Parécese a este?

-Estou traballando nun libro infantil que, a priori non ten nada que ver... Pero si ten que ver, porque recollín os diarios da miña adolescencia e da miña infancia. Estou traballando en base a relatos que escribín cando tiña entre seis e oito anos. Está sendo fantástico, porque me estou decatando de que volvo escribir como cando era unha nena. De forma sinxela, sen pudor.

-Esa é outra das características do libro. Que aborda temas que seguen sendo tabú, sen medo aparente.

-Algo de medo, a verdade, si que tiña. Segue habendo un certo pudor á hora de falar de determinadas cuestións, como a masturbación feminina, a sexualidade, a feminidade. Moitas veces, en determinados contextos, eu tamén me sinto un pouco incómodo, para min resulta complicado en determinados ambientes dicir certas cousas... Pero o importante e que, malia todo, consigo facelo..