Mónica Touriño encadea o seu segundo pleno de triunfos nunha tempada de mushing sobre terra

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

CEDIDA

A catoirense correu lesionada a derradeira proba da Liga Galega

26 feb 2019 . Actualizado a las 21:01 h.

Raíña nos campionatos de España e de Galicia, a catoirense Mónica Touriño e o seu compañeiro canino Nepal sumaban o pasado domingo tamén ao título da competición nacional da regularidade, a Copa de España, o seu equivalente autonómico, a Liga Galega. Co triunfo no Mushing de Rois, terceira proba puntuable no curto calendario do presente curso, que leva un pouco máis aló o dominio incontestable da deportista vikinga no panorama do canicrós sénior feminino en España. E é que con esta nova vitoria, Mónica Touriño encadea a que é a súa segunda tempada gañando todas e cada unha das carreiras nas que participou nos calendarios das catro competicións de referencia do canicrós galego e hispano sobre terra. Só nas dúas citas internacionais nas que competíu neste bienio se lle resistíu o primeiro posto na liña de meta, cuarta no Mundial do 2017, e sexta no Europeo de outubro do 2018.

O feito de ser tan só tres competidoras séniores femininas en Rois, e tratarse dunha cita autonómica debera facer pensar nun paseo militar da campioa das seis últimas edicións da Copa de España. Mais os 2 minutos e 3 segundos que lle sacou á segunda clasificada, Esther Bargiela (Canicross Vigo) teñen desta volta o mérito de terse rexistrado coa canicrosser vikinga lesionada; correndo cunha crise reumática nun pé. Unha circunstancia que, explicaba onte a propia deportista, pon en dúbida a súa participación a vindeira semana no Campionato de España de Mushing sobre Neve. Unha cita esta na que partiría como defensora do cetro do canicrós sénior feminino, e en condicións de revalidar o histórico repóker de títulos que Touriño e Nepal reunían na tempada 2017/18 tras conquistar o trébol de catro follas do calendario galego e español sobre terra.

Pensando máis en comezar a recuperar a súa articulación de cara a vindeira tempada que para o Campionato de España de Mushing sobre Neve, a presidenta e estrela do Kennel Den de Catoira inicia hoxe un tratamento de rehabilitación.

O cesureño subcampión

Pola súa banda, a estrela viguesa do Kennel Den, Óscar Piñeiro, gañou tamén no Mushing de Rois, na proba de canicrós sénior masculino. Con 2 minutos e 18 segundos de vantaxe sobre o pontecesureño de 19 anos José Luis Miguéns González. Postos que, informa Mónica Touriño, calcan as súas respectivas prazas na clasificación final da Liga Galega. No caso do deportista do Baixo Ulla, exintegrante do Kennel Den, competiendo nas filas do Senbal Team.