Jónatas Pereira gaña o Campionato Galego Sub-20 de Xavelina á primeira

O grovense Miguel Conde faise co título autonómico infantil de campo a través, e a deportista da Mazí Laura Martiñán, co bronce de disco Sub-18


vilagarcía / la voz

Cando un atleta pecha un concurso con catro dos seus lanzamentos nulos e gaña, ou ten a sorte de aliada, ou a súa superioridade respecto ao resto dos participantes resulta total. Isto último é o que aconteceu o pasado sábado en Pontevedra na final masculina do Campionato Galego de Lanzamentos Sub-20 de Xavelina de Inverno co vilanovés Jónatas Pereira Horro (11/IV/2001). Anulado o seu primeiro intento, os 53 metros e 75 centímetros do segundo probáronse máis ca suficientes para amarrar o título autonómico na súa estrea na categoría, e dedicarse a ir ao límite nos restantes na procura dunha mellor marca persoal, que remataría fixando en 56.03. Cun único nulo, o subcampión autonómico, Alejandro Becerra, do Coruña Comarca, non foi quen de mellorar os 45.42 do primeiro dos seus seis intentos.

Campión Galego Sub-18 de Verán os dous anos anteriores, con dobrete no de inverno no 2017, subcampión de España de verán no 2018 na mesma categoría de idade, Jónatas Pereira Horro comeza a súa adaptación á xavelina de 800 gramos, a que empregará durante o resto da súa vida deportiva, logo de facelo na etapa Sub-18 coa regulamentaria de 700. E en algo menos de dous meses xa foi quen de avanzar en preto de 6,5 metros. Desde os 49,61 da súa estrea en competición como atleta Sub-20, o 22 de decembro do 2018 na 1.ª Jornada de Lançamentos de Lovelhe, na localidade portuguesa de Vila Nova de Cerveira, ata os 56,03 do pasado sábado. O verán pasado despedíase da categoría Sub-18 e da xavelina de 700 cun mellor rexistro persoal de 61,39 metros que lle valeu a prata estatal.

Actual líder do ránking galego absoluto tras encabezar toda a tempada pasada o Sub-18, Jónatas figura hoxe terceiro no ránking Sub-20 de España e 20.º no absoluto estatal.

Tras toda unha vida deportiva no Atletismo Cuntis, Pereira fichou esta tempada polo Celta de Vigo. Un cambio co que o seu adestrador, Javier López, busca abrirlle as portas de competicións de maior nivel; en primeiro termo as xornadas da Liga de Clubs de España, co vigués na Primeira División, a categoría de prata.

Con todo, as vindeiras citas de Jónatas Pereira serán os Campionatos de España de Lanzamentos de Inverno Sub-20, este sábado en Castellón, e o Absoluto, unha semana despois en Xaén.

Tamén o pasado sábado en Pontevedra a deportista da Agrupación Atlética Mazí Laura Martiñán Bartome colgouse o bronce no Campionato Galego de Lanzamentos Sub-18 de Disco de Inverno. Co seu primeiro intento, mandando o disco dun quilo a 26 metros e 81 centímetros, dándolle a medalla. Paula Piñón (Atletismo Femenino Celta) e Antía Sestelo (Ría Ferrol-C. Arenal) disputáronse en loita pechada o título, con 34,97 no derradeiro lanzamento de Piñón, e 34,35 como mellor execución da súa rival.

Noutra orde de cousas, o mesmo día, pero na localidade ourensá de Monterrei, o atleta do C.D. Ría de Arousa do Grove Miguel Conde proclamábase campión galego infantil de campo a través do programa Xogade da Xunta de Galicia. Logo de gañar as fases comarcal e provincial, e de colgase a prata no Campionato Galego Infantil da Federación Galega de Atletismo, Conde impúxose no esprinte final por 4 segundos a Ricardo Negrete, do Ría Ferrol-C. Arenal, completando os 2.500 metros do percorrido en 10 minutos e 43 segundos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Jónatas Pereira gaña o Campionato Galego Sub-20 de Xavelina á primeira