Un Quintento Galaico-Latino ou o placer de «ser músicos e xa está»

AROUSA

CEDIDA

Os habituais do Galeón Vikingo xa coñecen a Edu, Gato, Garabito, Edgar e Yovanny

15 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • 23.30 horas • Galeón Vikingo (Catoira) • Os habituais do Galeón Vikingo xa coñecen a Edu, Gato, Garabito, Edgar e Yovanny. Estes cinco músicos, que se moven no ámbito das orquestras, xúntanse neste local dende hai meses para seguir facendo música fóra do horario laboral. «Empezamos a tocar pensando en distraernos, para xogar coa música e cambiar do rexistro das verbenas». Quen nos conta esta historia é Eduardo Recarey, o saxofonista e un dos pais da formación que, hoxe pola noite, se presenta oficialmente en sociedade.

 

¿De que van encher o menú musical da noite? Téñeno claro: do reportorio co que levan uns meses gozando, co que se poñen a proba e desafían as súas rutinas musicais. Porque, malia que traballar nunha orquestra leva aparellado un plus de felicidade -«acábaste contaxiando do bo rollo, da alegría», confesa Edu-, ao final cada vez que cada un deles se sube a un escenario vestido de profesional, ten que acatar unhas normas, seguir unhas pautas, demostrar o seu oficio.

De aí que o Quinteto Galaico-Latino (aínda que galaico no grupo só hai un, o Edu que nos fala) sexa como un espazo de liberdade onde os seus integrantes se permiten xogar á improvisación con ritmos como o funky, o blues, o jazz... «Claro que ata aquí temos que seguir unhas normas mínimas. Pero non ten nada que ver, isto permítenos poñernos a proba, desenvolvernos como artistas, aínda que eu personalmente non me considere así, artista. Eu son músico e xa está».

Cando, tempo atrás, Edu e Garabito (trompeta) empezaron a falar de montar esta aventura, tiveron que buscar un local de ensaio. Non tardaron en apostar por O Galeón Vikingo. «Ten un espazo xa listo para tocar, e ademais o trato que recibimos alí foi marabilloso dende o principio». Así que non quedaba outra que facer a presentación da banda no local de Catoira no que estes músicos de profesión e de devoción están, xa, coma na casa.