Un accidente doméstico con fractura de costela retrasa o debut de Veloso un mes

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Joao Fonseca Photographer

Tras pensar nun primeiro momento que se trataba dun traumatismo menor, ao saír á estrada a adestrar descubríu Veloso que «nin podía poñerme de pé na bici»

14 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Gustavo César Veloso tiña previsto abrir o seu calendario de competición 2019 o pasado domingo, na Prova de Abertura Região de Aveiro. Finalmente, o vilagarcián non puido facer o que si fixo o seu compañeiro cambadés no W52-F.C. Porto, Ángel Sánchez, correr a carreira. De feito, na previsión do dúas veces gañador da Volta a Portugal está non debutar ata exactamente un mes despois, o 10 de marzo, na Clássica de Primavera. O motivo, un accidente doméstico sufrido o 31 de xaneiro, coa fractura dunha costela descuberta case o mesmo día da proba.

Tras pensar nun primeiro momento que se trataba dun traumatismo menor, ao saír á estrada a adestrar descubríu Veloso que «nin podía poñerme de pé na bici». O vilagarcián mantivo aberta a opción de correr igualmente o domingo, ata que unha ecografía confirmou a fractura. «Preferín non correr riscos. Só tiña esta carreira confirmada no calendario ata o 10 de marzo», comenta. Desta maneira, e cun adestramento máis limitado e adaptado á situación, Veloso confía en estar razoablemente recuperado para a Clássica de Primavera, e afrontar en condicións a súa primeira toma de contacto de nivel, a Volta ao Alentejo, do 20 ao 24 de marzo.