A A.D. Cortegada prepara un partido con tres pistas de xogo

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

As de Rubén Domínguez visitarán o Ibaizabal cun ollo no que aconteza nos duelos entre catro dos cinco primeiros clasificados

12 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A sétima vitoria nas últimas oito xornadas de Liga Feminina 2 fan soñar a familia da Agrupación Deportiva Cortegada cunha remontada que compense a máis que discreta primeira volta do conxunto de Rubén Domínguez. Sobre todo, logo de refrendar a súa tendencia á alza en materia de resultados cun golpe de autoridade sobre o parqué de Fontecarmoa, en forma de triunfo, 62-58, sobre o segundo clasificado. Un Osés Construcción Ardoi que chegaba con tan só dúas derrotas nas 16 xornadas precedentes, e que sucumbíu ante a sobresaínte defensa do cadro vilagarcián, e a súa boa xestión dos minutos finais, apoiado no seu infrecuente grande acerto desde a liña do tiro libre.

A cuestión é que, co Ardoi coma nova vítima, o Cortegada ten ante si a vindeira fin de semana unha decimoitava xornada con potencial para proporcionarlle un salto de calidade na súa remontada clasificatoria. Con catro dos cinco primeiros na táboa medíndose entre si. Mentres as de Rubén visitan a cancha do GDKO Ibaizabal, o Barça C.B.S., a súa primeira referencia por ocupar o cuarto posto con 3 triunfos máis, xogará no feudo do líder invicto, o Celta; e o Añares Rioja ISB, quinto cun partido máis gañado co equipo vilagarcián, recibirá o Ardoi.