«Ser muller semella unha incógnita ao cadrado que hai que despexar»

Susana Luaña Louzao
susana luaña SANTIAGO / LA VOZ

AROUSA

PACO RODRÍGUEZ

Houbo e hai moitas mulleres científicas, «o problema é que non se visibilizan»

11 feb 2019 . Actualizado a las 22:10 h.

O de onte foi un día de vertixe para Elena Vázquez Cendón. Sono case todos, entre clases e obrigas pola súa condición de decana da Facultade de Matemáticas, pero desde o ano 2015, ademais, o 11 de febreiro celébrase o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, e ela, como feminista, polo seu compromiso e porque forma parte da Unidade da Muller e a Ciencia, dependente da Secretaría Xeral da Igualdade, quixo estar alí en todas as frontes que a reclamaron. Entre elas, esta chamada de La Voz de Galicia que atendeu, amable coma sempre, entre que saía de clase e emprendía rumbo a Pontevedra para participar nun dos moitos actos convocados por mor da xornada.

Pola mañá, xunto con outras científicas compostelás, estivera coa conselleira de Educación, Carmen Pomar, nun encontro con investigadoras no Cimus. Pomar Tojo, doutora en Psicoloxía e docente na USC, coñece ben o traballo que se está a facer en Santiago, de aí que fixera coincidir a visita co anuncio dun plan para evitar que as mulleres teñan que abandonar de forma prematura a investigación por non poder compatibilizala coa súa vida persoal e familiar. No colectivo de mulleres científicas hai quen avoga por que non computen as baixas maternais nos méritos das mulleres, para non quedar en desigualdade de oportunidades fronte aos homes, e hai quen cre que debe de ser o varón o que se implique e se faga cargo do fillo cando a nai se atopa nesas circunstancias. Elena Vázquez pensa que non son incompatibles e que as dúas medidas son necesarias: «Pódese ser nai en parella ou en solitario; por iso, tan positivo é que a muller poida coller a baixa e que non lle compute como que sexa o home quen a colla e que tampouco lle prexudique. Pero hai unha cuestión innegable, a da fisioloxía feminina, e ese tempo debería quedar excluído do cómputo».

Esa é unha das medidas polas que levan loitando as científicas que están nesa unidade da Xunta desde a súa creación, e nese aspecto cre a decana de Matemáticas que se ten avanzado moito. Pero queda moito por facer. Por exemplo, a cuestión da visibilidade. Elena Vázquez incide en que non é certo que houbera ou haxa poucas mulleres que se dedican á ciencia, o que pasa é que non se sabe, que estiveron sempre nun segundo plano. Explícao con termos matemáticos: «Ser muller semella unha incógnita ao cadrado que hai que despexar», en referencia a ese dobre traballo que teñen que facer as mulleres para que se lles recoñezan os méritos. Por iso considera fundamentais as campañas de visibilización: «Cada vez que os medios de comunicación xuntan nun titular “muller” e “ciencia” dáse un paso importante». De aí a importancia de todas esas iniciativas que perseguen sacar do armario ás mulleres científicas do pasado, dar voz ás do presente e abrirlle o camiño ás do futuro.

Os perigos que axexan

Porque non todo está feito, e Elena Vázquez non deixa de chamar a atención sobre os perigos que axexan. Por exemplo, a diminución das mulleres nas carreiras tecnolóxicas e na informática, ou as voces que se están a escoitar sobre os supostos excesos das campañas feministas. E para isto non fai uso de termos matemáticos, chégalle cos lingüísticos: «A quen di que non é nin machista nin feminista eu diríalle que consulte o dicionario. En matemáticas sabemos que o primeiro que hai que ter claro é o concepto». (Primeira acepción de feminismo no dicionario da Real Academia Galega: «Doutrina que defende a igualdade de dereitos entre o home e a muller»). Por iso advirte de quen pode crer que os seus privilexios corren perigo, ou de quen se acomoda pensando que todo está feito. Unha reflexión que trae a conto rende homenaxe ás que abriron camiños. E sobre todo, «darlle as grazas».