O oitavo lobo mariño que se cura na Illa

Estará entre tres e catro semanas nun tanque e logo será embarcado para ser liberado en augas do Gran Sol


O IGAFA é o Instituto Galego de Formación en Acuicultura, pero co paso dos anos converteuse, tamén, nunha sorte de hospital onde os mamíferos mariños que chegan maltreitos ás costas galegas atopan un lugar onde curarse das súas feridas.

Esta semana vén de recibir ao seu oitavo lobo mariño desde que empezou esta faceta, aló polo 2013. Chámase «Barizo», mide 110 centímetros de lonxitude, pesa 23 quilos e apareceu varado nas costas de Malpica o 6 de xaneiro.

Nun primeiro intre foi trasladado á uci de lobos mariños do centro veterinario que ten a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) en Nigrán. Chegou desnutrido e con problemas respiratorios, pero unha vez superada a fase máis complicada e vendo que «Barizo» xa se alimenta por si mesmo, foi trasladado á Illa de Arousa para continuar coa súa recuperación.

A cría de lobo mariño permanecerá entre tres e catro semanas nun tanque exterior de gran tamaño e logo será embarcada para ser liberada en augas do Gran Sol. A manutención e a atención sanitaria do mamífero corresponderalle ao CEMMA, contando coa participación voluntaria do alumnado e persoal do centro. Ademais, aproveitarase a estadía do exemplar para formar aos estudantes en aspectos relacionados co coidado dos mamíferos mariños. O alumnado recibiu xa unha charla sobre o tema e a conta da estadía de «Barizo», haberá no instituto unha exposición sobre os mamíferos mariños en Galicia.

Esta acción forma parte da colaboración que vén mantendo desde o ano 2003 a Xunta, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, co CEMMA para a recuperación dos mamíferos mariños que chegan ás costas galegas en mal estado ou feridos.

«Estas colaboracións serven como actividade didáctica para a concienciación medioambiental e de adquisición de coñecementos para o mantemento e a recuperación de especies mariñas», segundo informa a consellería.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

O oitavo lobo mariño que se cura na Illa