Os choqueiros piden paso en Vilagarcía

Rosa Estévez
Rosa Estévez VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

Ravella premiará aos mellores destes personaxes que participen no desfile do martes de Entroido

06 feb 2019 . Actualizado a las 09:33 h.

Son, probablemente, uns dos personaxes máis característicos do Entroido galego. Non coindan o seu aspecto, visten farrapos e botan pola cabeza calquera cousa que lles permita manter o anonimato dende o que se rin do mundo que lles rodea. Son os choqueiros, unha figura que, por momentos, parece correr serio perigo de extinción. Para evitar que iso ocorra, a Concellería de Cultura do Concello de Vilagarcía ven de decidir crear un accesit de mil euros para premiar aos choqueiros que participen no desfile do martes de Entroido en cada unha das categorías existentes no concurso: individual, parellas ou grupo.

Deste xeito pretente o departamento de Sonia Outón «recuperar o espírito popular e espontáneo da festa máis irreverente e divertida do ano, e tamén animar a toda a xente a vivir o Entroido de forma activa, dende dentro e con disfraz, para o cal non é preciso nin gastar moito nin planificalo con demasiado tempo». Recorda Outón que non hai tantos anos, a festa vivíase con «roupa vella ou calquera cousa que se atopaba na casa», o que facía que as rúas se encheran dos divertidos choqueiros.

Pero ademais de crear o premio para os choqueiros, o Concello de Vilagarcía vén de anunciar que este ano incrementará de forma considerable os premios do desfile de Entroido. En concreto, a cifra sube 2.175 euros, ata acadar un valor total de 6.300 euros.

Eses datos déronse a coñecer despois da aprobación, por parte da Xunta de Goberno Local, das bases do desfile de disfraces e carrozas que se vai celebrar o 5 de marzo.

Coma sempre, a cabalgata do Entroido divídese en varias categorías. A infantil está aberta para xente de ata 15 anos, a de adultos para que teña máis de 16 anos, e logo está o apartado dos grupos. Nas dúas primeiras haberá categoría individual e de parellas, con tres premios en cada unha delas. O importe dos mesmos oscila entre os 50 e os 200 euros. Os premios máis cuantiosos son os da modalidade de grupos, que conta coas categorías de ata 20 e de máis de 20 compoñentes. En cada unha delas entregaranse tres premios de entre 300 e 1.000 euros. A estas engádese o accésit de 1.000 euros para a modalidade de choqueiros, a distribuír entre os participantes, segundo acorde o xurado. En todos os casos, o xurado avaliará aspectos como a animación, espectacularidade, orixinalidade, espontaneidade, conxunción e animación musical.

As persoas e grupos interesados en participar no desfile poderán inscribirse a partir do venres 8 de febreiro nas dependencias de Cultura, no Auditorio, de luns a venres e en horario de 9 a 13.30 horas.