O Salnés, un destino ideal para saciar a «fame de experiencias»

AROUSA

CEDIDA

A Deputación fai doce propostas para os doce meses do ano; entre elas, o Albariño e o Marisco

25 ene 2019 . Actualizado a las 09:11 h.

Da man da Mancomunidade do Salnés e da Deputación de Pontevedra, os municipios do sur da ría de Arousa están presentando en Fitur os seus encantos. Todas esas cousas que fan de este un destino que paga a pena visitar en calquera mes do ano.

Diso vai, precisamente, a campaña «Fame de experiencias» da Deputación de Pontevedra. Botando man do inxenio, o organismo provincial levou ata Fitur un restaurante das Rías Baixas e a tres cociñeiros con estrela Michelín: Amaranta Rodríguez, Pepe Solla e Javier Estévez. Nese xogo de ilusións, entregouse a todos os participantes na presentación unha «caixa» chea con doce experiencias, unha por cada mes do ano, que se poden gozar na provincia de Pontevedra. É unha por mes. A Arousa tócalle ocupar agosto, coa Festa do Albariño, que estaba representada no paquete regalo por unha caixa de pastas artesás feitas con este viño. Tamén para O Salnés é o mes de outubro, no que a caixa de experiencias recomenda facer unha parada no Grove, e máis en concreto na súa Festa do Marisco. Un certame que se pretende evocar cun paté de centola incluío no agasallo.

A presentación desenvolveuse onte en Fitur, unha das feiras turísticas máis importantes do mundo e na que O Salnés non podía deixar de estar. Así o dixo, dende alí, o presidente da Mancomunidade, Gonzalo Durán. Non foi o único representante da zona que estivo onte en Madrid. Ata Fitur achegáronse alcaldes ou representantes de municipios da bisbarra como Vilagarcía, O Grove, Cambados, Ribadumia, A Illa ou Sanxenxo.