O director da base do Panathinaikos pechará a serie de charlas do Ciclo do Bouza Brey

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

CEDIDA

O árbitro coruñés da ACB e da Euroliga Carlos Cortés abre o ciclo esta mañá no instituto vilagarcián

25 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O Ciclo de Baloncesto do IES Fermín Bouza Brey de Vilagarcía inicia esta mañá unha serie de charlas formativas cunha conferencia do árbitro coruñés da Liga Endesa ACB Carlos Cortés. Serie que o profesorado do ciclo pretende estender ata abril, con conferenciantes de primeiro nivel cada dous venres, e un peche por todo o alto, anunciando a presenza do director de canteira do Panathinaikos, Giorgos Kalaitzis, como último protagonista.

Carlos Cortés disertará sobre os aspectos regulamentarios actuais do baloncesto a nivel formativo e sénior. Ademais de colexiado da Liga ACB, Cortés arbitra en competicións europeas como a FIBA Eurocup ou a Euroliga masculina e feminina, tendo dirixido mesmo na final da Copa do Rei. Labor que compaxina coa tarefa de adestrador de categorías base do Maristas da Coruña. A súa charla, na aula de ordenadores do instituto, está dirixida aos alumnos do Ciclo, pero aberta tamén a calquera que queira escoitar a Cortés.

Bolsas Erasmus+

Noutra orde de cousas, nove alumnos do Ciclo Final de Grao Medio de Técnico Deportivo do Bouza Brey foron seleccionados xa para gozar as bolsas Erasmus+ para estadías en Suecia, en Reino Unido, en Grecia, en Alemaña ou en Croacia.