Ángeles Navasquillo, nova subdirectora de Enfermaría do Hospital do Salnés

Vilagarcía LA VOZ

AROUSA

Cedida

A profesional foi presentada onte nun acto celebrado no centro sanitario

22 ene 2019 . Actualizado a las 10:48 h.

A EOXI de Pontevedra e O Salnés presentou onte a Ángeles Navasquillo Lorda coma nova subdirectora de Enfermaría do Hospital do Salnés. A nova subdirectora amosou o seu compromiso asistencial, en coordinación directa co colectivo de Enfermaría, coma imprescindible peza na engrenaxe sanitaria pública galega.

Durante a súa intervención, e en presenza de decenas de profesionais de diversas categorías deste centro, Ángeles Navasquillo Lorda abogou por manter e potenciar o papel da Enfermaría coma xestor de diversos procesos asistenciais e de coidados nos pacientes, cun rol fundamental na súa recuperación. Así mesmo, púxose á disposición dos profesionais arousáns, valorando o compromiso permanente da Enfermaría, baseado na educación, na enerxía e a empatía, «dado que este colectivo profesional é un dos máis formados do sistema sanitario público, recibindo formación continua e desenvolvemento profesional», segundo explican desde a EOXI.

Ángeles Navasquillo Lorda é diplomada en Enfermaría pola Universidade Complutense de Madrid; graduada en Enfermaría polo Ministerio de Educación; experta universitaria en Urxencias e Coidados Intensivos pola Universidade Complutense de Madrid e máster en Xestión e Planificación Sanitaria para directivos de saúde pola Universidade Europea de Madrid.