«A miña condición foi que o PP de Meaño estivera unido»

Bea Costa
Bea Costa MEAÑO

AROUSA

MONICA IRAGO

É a súa primeira incursión en política e promete unha xestión eficaz e próxima aos cidadáns

19 ene 2019 . Actualizado a las 21:00 h.

Carlos Vieites é natural de Xil, ten cincuenta anos, é licenciado en Bioloxía, exerce de xuíz de paz de Meaño desde hai once años e traballa como técnico na Mancomunidade do Salnés. Desde o venres é, ademais, o candidato do PP de Meaño á alcaldía. É a súa primeira incursión en política, aínda que leva moitos anos entre políticos. Como técnico da mancomunidade ten xa uns cantos proxectos ás súas costas, desde aquel pioneiro Pomal do ano 2001, que permitiu levar a rede de saneamento a moitos lugares de comarca. Rematou este proxecto ás ordes de Jorge Domínguez, que daquela presidía a mancomunidade. Dúas décadas despois, aspira a ocupar o seu posto ao fronte do Concello de Meaño.

-Como foi o proceso para o seu nomeamento?

-Inicialmente tiven un contacto alcaldesa, e doume seu apoio; despois co grupo goberno, e doume tamén o seu apoio, e o venres á noite reuninme cun grupo duns setenta simpatizantes e colaboradores que me elixiron por unanimidade. A miña condición para aceptar foi que todo o grupo estivera unido.

-Algo que, precisamente, fáltalle ao PP meañés logo dos últimos acontecementos... Cre que esta división ten arranxo, superarase?

-Si, é superable.

-Está en condicións de falar da lista e de programa electoral?

-Eses temas aínda hai que falalos e ir vendo as necesidades.

-Nin sequera é militante [situación que espera corrixir en breve coa súa alta no PP]. Por que cre que pensaron en vostede para ser o cartel electoral o vindeiro maio?

-Colaborei co partido durante moitos anos. Entendo que viñeron falar comigo polo meu perfil. Son unha persoa que coñezo moi ben a administración local e como xuíz de paz coñezo tamén ben as sete parroquias.

-Con que proxectos inicia a súa carreira á alcaldía?

-Miña filosofía vai ser xestión eficaz, xestión eficaz, xestión eficaz... e cercanía, cercanía e cercanía cos veciños.

-Desde o punto de vista persoal, como afronta esta nova encomenda, que di a familia?

-Foi unha decisión moi difícil porque teño ante min un reto importante, pero tamén fascinante e ilusionante. Era unha decisión que tiña que tomar eu, e o que eu decidira ía ser aceptado.