«O cuadripartito podería reeditarse, pero tería que ser noutras condicións»

Bea Costa
bea Costa CAMBADOS / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

Caamaño debuxa un escenario político máis fragmentado pola esquerda no que podería volver haber un concelleiro chave

18 ene 2019 . Actualizado a las 21:59 h.

Ana Pontón presentouno onte como a mellor aposta para a alcaldía de Cambados. Vai ser a súa terceira vez como candidato do BNG, aínda que a Víctor Caamaño pasóuselle pola cabeza nalgunha ocasión afastarse da primeira liña política. Estar nun goberno a catro bandas non está sendo doado.

-Acabou recuncando, por que?

-Por compromiso persoal cun grupo político co que comparto ideoloxía. Mentres esteas dentro, o importante é o grupo. Non hai interese por ambición nin outra causa. Aínda que foi un mandato moi difícil, con moitos conflitos, sobre todo na primeira metade, son consciente de que, a día de hoxe, son a cara visible do BNG e teño un compromiso co grupo.

-En caso de repetirse a oportunidade, estaría disposto a reeditar o cuadripartito, en que condicións?

-Podería reeditarse, pero tería que ser noutras condicións. Intentaría ter máis peso político. Non pode ser que cada mes haxa unha ameaza de ruptura do goberno como houbo por parte de grupos con posturas políticas moi distantes ao BNG.

-Estase a referir a Abal, supoño.

-Si. Hai que centrarse na xestión do goberno, non podes intentar apagar lumes cada mes. A importancia do BNG neste goberno foi dar o equilibrio para que as cousas foran adiante. Fomos definitivos á hora de asumir que había que dar unha alternativa ao PP e fomos imprescindibles para que isto [a coalición PSOE-BNG-Somos-Pode] durara catro anos.

-Con que expectativas parte o BNG, manexan algunha enquisa?

-Temos realismo, non expectativas electorais. As circunstancias van cambiando. Eu sempre quixen mellorar os resultados anteriores, pero somos conscientes de que, posiblemente, haxa outros actores políticos.

-Pola dereita posiblemente irrompa Ciudadanos, pero entendo que vostede estase a referir á esquerda, á fragmentación das Mareas...

-Falo polo que leo nos xornais todos os días. Poderían aparecer máis actores. Nesas circunstancias está claro que sería realmente difícil que ningún grupo político arrase nos resultados. Os votos estarán mais divididos. Como sempre en Cambados haberá un equilibrio entre a esquerda e a dereita, e é moi posible que un concelleiro decida.

-É un escenario desexable?

-Non, non se pode facer chantaxe electoral. O que non pode ser é que cada vez que queiras facer algo todas sexan trabas. Empezamos cunha traba enorme, que foi descartar o peche da praza de Fefiñáns. Pensamos que primeiro estaba o interese dos veciños que sacar adiante unha proposta de partido, pero seguimos pensando que é unha aposta imprescindible para calquera grupo político e hai que dicir que BNG foi o verdadeiro valedor desta demanda, aínda que logo outros sumáronse. De cara ás vindeiras eleccións, non creo que ninguén pense abrir ao tráfico Fefiñáns.

-Vailles pasar factura esta renuncia?

-Somos conscientes de que cando estás nun goberno con varios grupos, os erros os pagamos todos. Este goberno é moi mellorable de cara o futuro, pero queda claro que non todos somos iguais.

-Falemos da lista. Seguirán María José Cacabelos e Teresa Prado en postos de saída?

-Non quería entrar niso. Si, estamos elaborando a candidatura e non encontro ningún problema, pero Víctor Caamaño cumpriu esta semana 57 anos e hai que ir pensando en xente máis nova que poida implicarse. Hai que empezar a deixar sitio a quen nos poidan substituír.

-As do 2019 serán a súas últimas eleccións fronte ao Bloque?

-Vai depender dos resultados e as situacións, pero penso que todo ten o seu tempo.

«O goberno é moi mellorable, pero queda claro que non todos

somos iguais»

«De cara ás vindeiras eleccións non creo que ninguén pense abrir ao tráfico Fefiñáns»

«Hai esixencias de persoal que o Concello non é quen de cubrir, hai un problema estrutural»

Caamaño é un político que sabe dicir non e que non fuxe dos problemas. Pero non comparte a análise de que houbo erros na súa xestión no eido deportivo ou en relación ao acontecido este mes no conservatorio de música.

-A piques de rematar o mandato, toca algún «mea culpa»?

-Claro que todas as propostas novas, se son importantes, suscitan críticas. Sobre o regulamento das instalacións deportivas, hai que dicir que a única crítica que me chegou por escrito foi en relación a o uso do secador nun vestiario, é algo ridículo. E falar de erros no caso do conservatorio é moi esaxerado. Temos uns cantos contratos de servizos municipais nas mesmas circunstancias: o do lixo, a gardería, o mantemento da electricidade... O que pasou neste caso é que a empresa, raramente, dixo que non quería seguir e non se avisou aos pais. Eu non fago pregos de condicións, eu son político. Só houbo un problema social unha tarde, que se resolveu. Foi desagradable si, pero non transcendente. O problema de fondo é de organización. O Concello ten un problema estrutural que se creou durante 28 anos.

-Que se fixo por solucionalo desde o seu goberno?

-O tema é que antes había un alcalde único e agora hai unha serie de departamentos que actualizaron moitas cousas, o cal xera unhas esixencias de persoal que o Concello non é quen de cubrir.Por exemplo, cando chegamos, no departamento de Medio Ambiente non había un profesional, así e imposible funcionar; cambiamos o modelo de deportes, pero necesito un traballador a maiores. Aínda así, conseguíronse cousas importantes neste mandato na limpeza dos centros educativos, no Plan Madruga, nos comedores escolares e hai unha relación permanente con equipos de normalización lingüística.