Touriño encadea o seu sexto título da Copa de España, o sétimo da súa carreira

AROUSA

OSCAR VÍFER

A catoirense fixo pleno nas tres probas do calendario, a última o domingo en Asturias

15 ene 2019 . Actualizado a las 12:10 h.

O reinado da vikinga Mónica Touriño no canicrós sénior feminino español non ten data de caducidade á vista. O pasado domingo en La Fresneda, Asturias, a presidenta do Kennel Den de Catoira e o seu compañeiro cánido, Nepal, gañaron a terceira e derradeira proba do calendario da Copa de España de Mushing sobre Terra 2018/19, asinando o pleno. Un novo fito no seu extraordinario palmarés, no que é o sexto título encadeado da arousá na competición raíña do canicrós hispano, a que premia a regularidade, e o sétimo da súa carreira tras a súa estrea no alto do podio no 2012.

 

Dous homes por diante, lesionada

O mérito do conseguido por Touriño elévase por canto a catoirense corre desde a primeira proba da Copa de España cun pé mancado. O sábado, na véspera da carreira de La Fresneda, tiro de acupuntura para reducir a inflamación da articulación, e do bo facer do seu adestrador e fisioterapeuta. De feito, onte a campioa xa non podía camiñar sen coxear. E con todo, Touriño foi quen de marcar o terceiro mellor tempo de todos os participantes, 12.11.17, só superada polo seu compañeiro de club, campión da categoría de canicrós sénior masculino, o vigués Óscar Piñeiro (11.06.63), e polo catalán Santi del Valle (12.07.60).

Así as cousas, a arousá camiña cara a reválida do seu histórico repóker da tempada anterior, tras repetir xa os títulos nos campionatos de España e de Galicia e da Copa de España sobre terra. Coa Liga Galega ben encamiñada, só lle faltaría volver gañar o Campionato de España sobre neve.