O carrilexo que lles ensina a correr ás futuras estrelas do fútbol chinés

O arousán deixou hai ano e medio a dirección da base do Navalcarnero para traballar nunha das escolas de referencia do xigante asiático


O xesto de Iker Casillas erguendo no verán do 2010 a Copa do Mundo de Sudáfrica abría unha nova era para os profesionais do fútbol españois. Medio planeta fixouse a partir de entón nos seus xogadores. Pero tamén nos técnicos que os formaban e os viñan pulindo nos últimos anos ata reunir unha das xeracións de executores do balompé máis talentosa da historia; a nivel de selección, e dun F.C. Barcelona que abraiaba pola relación do seu estilo de xogo e un palmarés glorioso. Difícil resultou non atopar un recuncho da globosfera que non quixera importar a man de obra cualificada de España. E o arousán Salvador Abalo Fernández (Carril, 24/IX/1974) subíuse á crista desa gran vagada, procurando un salto na súa traxectoria como adestrador de formación na cada vez máis próxima primeira potencia mundial. China, onde traballa desde hai ano e medio no corpo técnico dunha das escolas de referencia do balompé base do xigante asiático, a doWuhan Shangwen, club dunha megalópole duns 14 millóns de habitantes, capital da provincia de Hubei e principal cidade do centro do país.

En maio do 2017 Salva Abalo estaba a piques de completar a súa cuarta tempada á fronte da dirección deportiva da canteira do C.D.A. Navalcarnero. Unha tempada na que consolidaba o proxecto que no verán do 2013 iniciara na localidade de orixe da súa nai, fusionando a escola municipal e o equipo xuvenil do club. Un produto que nun cuatrienio pasou duns 200 a preto de 400 rapaces medrando nunha sólida estrutura orientada a formalos como deportistas, pero tamén como persoas.

Ese labor levou o madrileño Julián García, traballador da maior escola de fútbol do mundo, a do Guangzhou Evergrande, e amigo de Salva Abalo, a dar o nome do arousán cando o responsable da escola do Wuhan Shangwen, o catalán Pere García, lle comentou nun torneo que precisaban adestradores. «A finais de maio do 2017 mandeille o meu currículo, e esa mesma mañá chamoume», lembra Abalo. Falei coa miña muller, e ese mesmo día decidimos dar o si». E o 3 de xullo partíu cara China.

Espello das seleccións

Alí o agardaba unha escola que desde hai catro anos xestiona a firma catalana Nama Sports. Unha empresa que «leva tamén en España, entre outras cousas, a escola do Granollers», e que nun breve espazo de tempo conseguíu converter, salienta o exdirector da canteira do C.D.A. Navalcarnero, a escola do Wuhan Shangwen «nun modelo no fútbol en China». Conseguindo non só pasar de comezar con 25 nenos dirixidos por dous adestradores, a máis de 450 futbolistas traballando con nove técnicos españois e 25 chineses, cunha estrutura de apoio de 8 tradutores e de 10 persoas ocupándose das tarefas administrativas e loxísticas. Tamén lle valeu a confianza da Federación Chinesa de Fútbol, que o pasado verán contratou a media ducia de preparadores hispanos a través de Nama Sports para impulsar o crecemento do fútbol base do país asiático en paralelo á estrutura e o proxecto deportivo do Wuhan Shangwen. Un club cuxo primeiro equipo xogou a tempada pasada na última categoría do balompé chinés, e cuxas instalacións, subliña Salva Abalo, serven constante e sucesivamente de base de operacións ás seleccións do país das diferentes categorías, incluída a absoluta que dirixe o italiano Marcello Lippi.

Abalo, explica, é «o responsable dos xogadores nados no 2006». Unha categoría con tres equipos no Wuhan Shangwen, só que os integrantes do primeiro deles mudáronse esta tempada a Granollers, onde Nama Sport ten a uns cen rapaces chineses perfeccionando a súa preparación; incluíndo un equipo xuvenil e outro cadete federados en ligas autonómicas de Cataluña.

Tras gañar co seu hoxe equipo de referencia o único torneo provincial do 2018, e de caer en setembro por un axustado 2-1 co Guangzhou na final dun torneo da federación nacional chinesa, o Wuhan Shangwen de Salva Abalo prepárase para competir por vez primeira en Liga e en Copa.

«Técnicos de benxamíns cobran máis ca na 2ª. de España»

Salvador Abalo conta que «en China lles encanta o tiqui-taca da España que gañou o Mundial», para advertir que, con todo, «eles -os reitores do balompé chinés- o que queren é gañar». Algo que non lle resulta alleo, e que condiciona o seu labor na escola do Wuhan Shangwen: «Levo un equipo infantil. E aí do que se trata é de gañar. Non teñen moita paciencia». Porque se a tiveran, exclama o de Carril, «¡Mi madriña! Teñen moita, moita xente xogando a fútbol. É unha materia obrigatoria en Primaria. No 2030 China quere ser campioa do mundo». De aí que, con paciencia, ou sen ela, estea convencido de que o xigante asiático acabará materializando o seu desexo: «Cando aquí se propoñen unha cousa, consíguena».

Polo que a el lle toca, asegura que «nas categorías prebenxamín, benxamín e alevín vense cousiñas, talento; xa veñen cun traballo formativo» marcado polo plus que proporcionan técnicos como os españois do Wuhan. Porque hoxe en China non se escatiman medios para poñer a correr un balompé inda ao trote.

«A min trátanme como a un profesional», comenta Abalo, que en España tiña que compaxinar a súa vocación futbolística cun traballo nunha empresa de seguridade. «Aos nenos e aos técnicos lévannos aos torneos en AVE e en hoteis de catro estrelas. Hai adestradores en China que levan benxamíns que cobran máis que algún de Segunda División en España», engade.

Ademais das condicións económicas, Salva fala do valor de poder presenzar os adestramentos das seleccións chinesas, e mais dos equipos da Superliga que empregan as instalacións do seu club, como o Hebei que a tempada pasada dirixía Pellegrini. Tamén de sentirse nunha terra de oportunidades: «As posibilidades de progresar son moito maiores ca en España a pouco que fagas». El aspira a «traballar na canteira dalgún equipo da Superliga».

Cun contrato que vence no verán, «a miña idea», di Abalo, «é quedarme aquí ata que se cansen de min». Nunha «cidade moito máis avanzada cas de Europa», nun país do que salienta a «ostentación dunha sociedade totalmente capitalista» e encantado pola súa extrema seguridade; o arousán confía en que a súa muller e a súa filla de 9 anos se poidan mudar a China con el máis cedo ca tarde.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

O carrilexo que lles ensina a correr ás futuras estrelas do fútbol chinés