O Céltiga completa o rearme da súa dianteira coa fichaxe de Edu Otero

AROUSA

Santi M. Amil

Procedente do Ourense C.F., formará dupla na punta do ataque illense con Igor Sevivas

05 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O cadro de xogadores do Céltiga regresou o mércores ao traballo logo de nove días de vacacións. E fíxoo cunha cara nova. Edu Otero (Madrid, 27/III/1998) vén de asinar como novo futbolista do conxunto illense, converténdose así no terceiro reforzo incorporado tras a chegada do ourensán Javi Rey ao vestiario do Salvador Otero en substitución do dimisionario Manolo Núñez.

Procedente do Ourense C.F., no que a tempada anterior abría a súa etapa sénior con 11 goles tras completar o seu ciclo de formación no Val Miñor de División de Honra Xuvenil, Edu Otero é definido polo seu novo adestrador como «un jugador de área, un delantero fuerte, potente, que hace gol muy fácilmente; lo necesitábamos», conclúe Javi Rey. E é que se o Céltiga ocupa hoxe a penúltima praza da clasificación do grupo galego da Terceira é non só por presentar o segundo peor rexistro de goles recibidos, 35 en 18 partidos, senón por ser tamén o conxunto menos goleador, cos mesmos 12 tantos cos transformados polo pechacancelas, o Porriño Industrial.

«A partir de ahora el Céltiga va a jugar con dos delanteros centros, eso es algo innegociable», desvela Javi Rey. Edu Otero e Igor Sevivas, este último incorporado do Arenteiro xusto antes do parón navideño, pero pendente de debutar co Céltiga na primeira xornada do 2019, o día 13, por unha escordadura de nocello. O primeiro, con catro goles nos seus 18 partidos co Ourense C.F. na presente Liga, e Igor Sevivas cun en 12. «Creo que con estos dos jugadores podemos solventar nuestro problema con el gol», conclúe o técnico do Céltiga, que pasará de xogar cun 5-4-1 a un 4-4-2 ou 5-3-2; «depende de como quede cerrada la plantilla», advirte.

E é que ademais dos dous puntas, e do lateral esquerdo Lucas Carminatti, que debutaba no derradeiro partido de Liga do 2018 chegado do Cultural Areas de Preferente, Javi Rey aspira a rematar de apuntalar o equipo cun central ou cun mediocentro de corte defensivo para aspirar con garantías a conseguir a salvación.