O PP confirma a Beatriz Castro como a súa candidata no Grove

La Voz O GROVE / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

A popular promete realidades, «non unha carta aos reis magos»

13 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A dirección provincial do PP de

Pontevedra ratificou onte a Beatriz Castro como a súa candidata no Grove para as eleccións municipais de maio de 2019. «Hai un mes recibimos con satisfacción a proposta unánime do comité electoral local e hoxe [por onte] vimos ao Grove para avalar e ratificar a candidatura de Beatriz Castro, porque non temos ningunha dúbida de que ela é a persoa idónea para encabezar o Partido Popular nas próximas eleccións municipais», segundo explicou o presidente provincial do PPdeG, Alfonso Rueda.

No partido confían en que a candidata poida obter uns «magníficos» resultados nos próximos comicios, cun equipo de xente próximo e un proxecto que ilusione aos veciños do Grove.

«O PP preséntase para ganar, con humildade e ao lado dos veciños, ofrecendo sempre unha alternativa de goberno seria e comprometida que ilusione e que traballe polo ben común, e se hai alguén que pode representar o perfil do candidato que o PP busca esa é Bea, unha persoa comprometida co seu concello, traballadora e próxima», indicou o presidente provincial.

Pola súa parte, Beatriz Castro, explicou que os populares presentarán un programa adaptado á realidade, «non unha carta aos reis magos como fan outros partidos, que logo, á hora de gobernar, esquecen».

Ganas de cambio

«O PP presentará un proxecto viable e realista, adaptado as necesidades do pobo, e para iso é fundamental coñecer os problemas de cada veciño, de cada familia e de cada un dos sectores clave deste concello». Beatriz Castro di afrontar esta nova «con ganas de darlle un cambio ao Grove proxectando os seus dous motores económicos clave: o mar e o turismo».

«Pretendo que os veciños se sintan máis orgullosos do lugar no que viven, que vexan cubertas as súas necesidades e que vexan como se potencia a imaxe e os recursos deste concello, que os ten e moitos, algo que na actualidade non se está facendo», abundou a candidata.