Uxía, María Fumaça e Levedinski repiten

AROUSA

MARTINA MISER

Para os cativos haberá cine e música, terán o habitual desfile dos Papá Noel e a cabalgata e non faltará a visita do apalpador

12 dic 2018 . Actualizado a las 22:22 h.

 O Nadal na Illa vai dar moito de si. O Concello elaborou un programa de actos no que o auditorio municipal vai xogar un papel protagonista. O 2018 foi o ano do décimo aniversario, e esta efeméride tampouco vai pasar por alto nestas festas. Carlos Blanco abriu o calendario de actuacións o 2 de xaneiro e o peche corresponderá a outra habitual deste escenario, a cantante Uxía. Actuará o día 29 (21 horas) e farao acompañada dunha banda de sete músicos de primeiro nivel.

Uxía acompañou onte ao alcalde e a concelleira de Cultura para dar conta da oferta lúdica e cultural do Nadal. O programa abrirase este sábado (18 horas) cun festival da Escola municipal de música da Illa; continuará o sábado seguinte (12 horas) cunha sesión Sumo, unha sorte de sesión vermú musical dirixida aos pequenos da casa; o venres día 28 (17.30 horas) os nenos volven estar convocados no auditorio, desta volta para ver a película «Tropa a trapo na Selva do Arco da Vella».

O venres 21 de decembro, xa en tempo de vacacións escolares e como é habitual, o ambiente festivo trasládase ás rúas co desfile do ducias de Papá Noel, e o día 27 será a visita do apalpador ou a apalpadora, que percorrerán a provincia da man da Deputación de Pontevedra.

O público familiar aínda terá por diante outra cita importante, a dos músicos e cantantes de María Fumaça, que volven cruzar a ponte, onde sempre son recibidos cos brazos abertos. Actuarán o 4 de xaneiro, ás sete da tarde no auditorio municipal, con entrada a 6 euros.

Outra actuación destacada do cartel do 2018 é a de Sonia Lebedynski, que tamén repite na Illa o día 21, logo de ter actuado no ciclo Cultura nos Cons do pasado verán.

Todas as actuacións, agás o festival da escola de música, son de pago. Como é habitual, as entradas pódense mercar de xeito anticipado no bar O Museo, na administración de lotería San Xulián e na tenda Gradisela. O día das actuacións, no propio auditorio.