«Houbo un tempo no que as procesións relixiosas ían cargadas de pistolas»

AROUSA

MARTINA MISER

Salgado pescuda na lembranza de seu avó, Pancho Varela, fusilado en 1936 por defender a lexitimidade democrática

08 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Ata hai ben pouco, o seu avó Pancho era, para Fernando Salgado, case un perfecto descoñecido. Sabía que os seus restos remataran nun fachendoso mausoleo de Cerdedo, no que nin sequera figura o seu nome, logo de ser fusilado en 1936. A recuperación duns artigos e a luz dos historiadores Pepe Álvarez e Dionisio Pereira alumearon un relato apaixonante sobre un home que virou o seu destino de fillo de cacique para acabar asasinado por defender a lexitimidade democrática. A vida da persoa que morreu baixo a causa 1.306/36.

-Todo comeza en Cerdedo.

-Así é. Nun Cerdedo que tiña 3.400 habitantes, hoxe apenas son un milleiro, e estaba controlado por unhas elites, entre as que destacaba Gerardo Varela, entón un dos industriais máis poderosos. O seu fillo Pancho nace en 1898, poucos anos antes de que sexa nomeado alcalde. Rietrista, cacique, membro dunha rede clientelar nunha vila afundida na miseria. Así era a familia na que naceu.

-Non parece o mellor ambiente para que un rapaz adquira unha certa conciencia social.

-Claro que non. O meu avó estuda maxisterio en Pontevedra e xa daquela se enlea nunha asociación de estudantes, cando o que seu pai pensaba era que seguiría cos seus negocios e remataría sendo alcalde por herdanza. De feito, traballou como viaxante para as súas empresas, que vendían por toda Galicia e o norte de Portugal. Xa se fora metendo en causas progresistas. En Cerdedo déronse varios factores. Un incipiente movemento agrarista que pulaba por saír da Idade Media, os canteiros que traballaron, moitos deles, noutras zonas de España e nos que foi prendendo a semente do sindicato de oficios varios da CNT e o socialismo. A presenza do propio Pancho e de persoas como Francisco Varela Buela, ilustrados. E un cuarto, a chegada de Antonio Sueiro, un home que traballara nunha fábrica en California, que falaba inglés, sabía ler e escribir e tiña outra idea do mundo. Foi así como, nas eleccións de 1931, de trece actas once foron para os agraristas e a esquerda.

-Que papel acada Pancho?

-Foi secretario do Concello e xuíz municipal. Nese tempo pasou en Cerdedo o de tantos lugares, constrúense bibliotecas, pontes, escolas, sepárase o poder relixioso do civil... Houbo un tempo no que as procesións relixiosas ían cargadas de pistolas e meu avó, como xuíz, tiña que frear aqueles ultramontanos mobilizados pola Igrexa.

-E iso cávalle a tumba.

-Iso e que, chegado o 36, o goberno civil noméao delegado gobernativo. Pancho plántase no cuartel da Garda Civil para facerlles saber que é o representante da legalidade democrática e da República. Pero xa non hai nada que facer. Marcha ao monte do Seixo con outra xente. Non sei como, chega en taxi ao Carballiño e o seu cuñado Cachafeiro, que estaba á fronte da construción dunha estrada, lévao para Monleras (Salamanca) coa intención de pasar dende aló a Portugal. Pero é detido por unha delación, encerrado na mesma escola normal de Pontevedra na que estudara e logo no campo de concentración de San Simón, e fusilado en xullo do 37 despois dun xuízo de paripé. Viaxei a Monleras e foi moi emocionante; aínda atopei xente aló que lembraba aquel galego e a súa detención.