Vilaxoán despide a un dos seus homes imprescindibles

Serxio González Souto
Serxio González VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

Antonio Casás deixou a súa pegada na asociación de veciños, no club San Martín e no Fogar do Pescador

06 nov 2018 . Actualizado a las 10:58 h.

Hai quen pasa pola vida indo ao seu e quen o fai mirando polo colectivo, polo que nos constrúe como sociedade. O home que Vilaxoán vén de despedir na igrexa de Sobrán, pertencía á segunda categoría. A Antonio Casás váiselle botar moito en falla. A súa xente, claro, pero tamén todos quen chegamos a coñecelo, porque, ao cabo, a súa xente era toda a xente. Casás deixou a súa pegada en tres das institucións que manteñen acesa a identidade vilaxoanesa: o club San Martín, o Fogar do Pescador e a asociación de veciños, que presidiu durante cinco anos, sempre atento ás necesidades dun pobo ao que chegou dende a súa Trabanca natal, antes de navegar e coñecer mundo. Hai quen pasa pola vida sen meter ruído e quen se fai imprescindible mesmo sen querelo. Casás tamén era dos segundos. E iso está ben, porque é o que ficará de nós cando o tempo faga o seu choio implacable: o eco do traballo xeneroso que sempre resoará no futuro. Lembren brindar polo noso home. Ben o merece.