Os Ingleses recibe o Pontevedra R.C. coa súa dianteira mermada

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

O club goza esta noite da cea polos seus 30 anos

03 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Os afeccionados ao rugby teñen cita esta tarde no campo do Estadio de Atletismo de Fontecarmoa. A partir das catro, Os Ingleses e o Pontevedra R.C. mídense no primeiro dos dous duelos da tempada entre veciños de rías. Con ambos separados por tan só un triunfo despois das tres primeiras xornadas de Liga da Primeira División Galega.

O cadro vilagarcián, con David Lema á fronte, encara este encontro coa motivación de superar xa o varapau que sufría na xornada anterior coa súa derrota no Campo da Malata a mans do Ferrol R.C., o equipo co que, dicta a lóxica deportiva, debería dirimir en loita pechada o título autonómico e, con el, o primeiro dos dous pasaportes para a vindeira fase de ascenso á División de Honra B.

David Lema era onte o primeiro en dicir que «despois do do outro día, temos que levantar a cabeza para seguir tentando loitar pola primeira posición da Liga». Conseguilo pasa por gañar partidos como o de hoxe, fronte a un rival formado na súa inmensa maioría por «xente nova», co que iso ten de positivo, e de negativo. A falta de experiencia do rival xoga a prol dos Ingleses. Mais o seu técnico advirte do nivel técnico dos xogadores do P.R.C., que «viñeron formándose desde nenos» no deporte do balón oval, e que «teñen rapaces moi rápidos», o que lles dá de partida vantaxe na liña de tres cuartos, di Lema. O equipo vilagarcián, pola súa banda, tentará explotar a súa superioridade na dianteira, inda sendo esta a súa liña máis castigada polas baixas, de Diego e de Marcos, sendo ademais dúbidas Jorge, JJ e Biris.

Celebración diante dun bo prato

Tras o partido e o terceiro tempo, a familia dos Ingleses conmemorará os 30 anos do club cunha cea de confraternidade no Churrasco de Rubiáns, na que se prevén uns 160 comensais.