«É unha enfermidade crónica que pode chegar a ser incapacitante»

O colectivo vén de pór en marcha un punto de información sobre este mal no Hospital Montecelo


pontevedra / la voz

O linfedema é unha inchazón que polo xeral aparece nos brazos ou nas pernas. Na maioría dos casos é provocado pola extirpación ou o dano dos ganglios linfáticos como parte do tratamento oncolóxico. A Asociación Galega de Linfedema (AGL) sostén que aínda é unha enfermidade bastante descoñecida e que son moitas as dúbidas dos pacientes. Por iso, o colectivo acaba de abrir un punto de información no Hospital Montecelo de Pontevedra. Á fronte está a traballadora social Gloria Felpete (Guipúscoa, 1969).

-Estrearon ese punto de información en Montecelo. Cando atenden e por que é necesario?

-En Pontevedra empezamos hoxe [por onte], pero levamos todo o ano en diversos hospitais. Agora os hospitais están colaborando moito coas asociacións permitíndonos estar aquí a pé dos pacientes. O obxectivo máis importante é dar información aos usuarios, aos que moitas veces lles custa desprazarse. En Montecelo estaremos os terceiros mércores de cada mes, de dez a unha, tres horas cada día.

-Calcúlase que hai uns 50.000 galegos con linfedema. É unha patoloxía coñecida?

-É certo que é máis coñecida ca antes, pero segue sendo unha enfermidade bastante descoñecida. Hai unha maioría de mulleres afectadas. Os brazos e as pernas son as partes máis afectadas, pero tamén outras, porque moitas veces é unha consecuencia secundaria do cancro de mama ou de calquera outro órgano.

-Iso é o que se chama linfedema secundario. Pero tamén o hai primario...

-É algo hereditario, pouco frecuente, dun caso por cada seis mil.

-Ten a asociación algunha estimación de casos de linfedema na área sanitaria de Pontevedra?

-Non temos números, pero si é verdade que hai moito linfedema que aínda non está diagnosticado. É xente que non contacta coa asociación.

-Cales son as principais dúbidas que teñen os pacientes?

-O que máis nos trasladan é qué coidados poden facer para ter mellor calidade de vida, porque esta é unha enfermidade crónica que se non se coida pode chegar a ser incapacitante ou chegar a unha elefantíase. Hai que ter en conta os esforzos físicos e outras pautas que se descoñecen. Tamén os tratamentos que hai, porque non é unha patoloxía para a que poidas tomar unha pastilla ou un fármaco. Necesita un tratamento especializado de fisioterapia e a xente está un pouco perdida ás veces.

-Ese tratamento de fisioterapia ao que alude, está cuberto pola sanidade pública?

-A sanidade pública o que ten é un tratamento de rehabilitación para os casos máis graves. O que a asociación oferta é un programa de fisioterapia subvencionado grazas a axudas das deputacións de Pontevedra e A Coruña, a Xunta e a Fundación ONCE. O que se propón é un tratamento de fisioterapia de mantemento para axudar a levar unha vida mellor. Para os socios da asociación é case gratis, teñen que achegar unha parte. Son dúas sesións ao mes.

-Cantos socios teñen en Galicia e en Pontevedra?

-Na zona de Pontevedra temos vinte e cinco socios. Somos unha asociación de ámbito autonómico e temos case douscentos socios na comunidade galega. Temos máis mulleres ca homes e respecto ás idades hai un pouco de todo. A maioría son mulleres que pasaron por un cancro de mama e que despois tiveron un linfedema meses ou incluso anos máis tarde.

-Neses casos, o golpe é dobre...

-Si, a verdade é que se asustan. Loitan contra algo grave e moitas veces non coñecen os efectos secundarios. Nalgún caso houbo persoas que pensaban que era a extensión dese cancro. Por iso necesitan que se informen ben e saber que iso pode pasar. Nós estamos para dar difusión a este mal.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

«É unha enfermidade crónica que pode chegar a ser incapacitante»