Melchor Gago fala da súa defenestración á fronte da Liga Galega de Traíñas entre o mea culpa e a «caza de bruxas»

O expresidente da LGT dá a súa versión seis días despois da moción de censura que o privou do cargo


vilagarcía / la voz

Seis días se tomou o vilaxoanés Melchor Gago para dar a súa versión dos motivos que o pasado mércores día 10 levaron a media ducia de clubs da Asociación Liga Noroeste, matriz da Liga Galega de Traíñas, a presentar unha moción de censura en contra da directiva que presidía desde decembro do 2017. Un recurso recollido polos estatutos da entidade deportiva, e que acabou con Javier Rodríguez, do Club de Regatas Salgado-Perillo, elixido para completar o mandato de dous anos de Gago, cun equipo integrado ademais por representantes doutros seis clubs: CR Mecos, CR Ares, CR A Cabana-Ferrol, SD Samertolameu, CR Muros e CR Rianxo.

O primeiro que quixo deixar claro Gago, directivo do C.R. Vilaxoán, é o seu malestar e o dos seus compañeiros de directiva saínte por que «non nos deixaron pechar o ano, o único que pediamos» unha vez presentada a moción de censura que se saldaba con trece votos a favor do cambio na cúpula, cinco en contra, dúas abstencións e unha ausencia, lembra o vilaxoanés: «Non nos gustaron as formas».

Sobre o fondo da crise interna da Liga, e tras subliñar que «non queremos ningún tipo de pelexa», o expresidente da LGT quixo facer fincapé en dúas cuestións, que veñen repartir pola súa descrición do sucedido a responsabilidade do troco de directiva entre propios e extraños.

En primeiro termo, Melchor Gago asume que «cometemos moitísimos fallos no proxecto que queriamos desenvolver. Algún pola nosa falta de experiencia, e a maior parte pola ineficacia ou polo mal facer do director de comunicación da Liga, Bruno Currás». Un home que encandilou a Gago e os seus compañeiros de xestión á fronte da LGT cun proxecto no que lles vendeu «a retransmisión de todas as regatas da Liga en directo, pola TVG2, cunha produtora que ía ser da Liga, e cunha calidade de imaxe moito mellor ca das da ACT», lembra o vilaxoanés. «O problema de fondo é que este señor -Bruno Currás- fixo todo mal, e ao mellor se lle deron máis atribucións das que debía ter». Unha opinión esta última que a directiva de Gago comezou a construír despois da regata de apertura da LGT 2018.

«Esta directiva descubríu tras seis meses de traballo, xa na primeira regata, que xa fracasara», di o seu máximo responsable. E iso tras comprobar como «a TVG nos cortou as imaxes no medio da regata, porque a retransmisión -con medios que tería proporcionado Currás- estaba a ser nefasta». Calidade que non tería mellorado co paso das semanas, xa coas retransmisións realizadas pola LGT a través de internet.

A cuestión é que o naufraxio televisivo, unha das patas que sostiñan o proxecto de modernización da directiva de Gago, non fixo máis que acrecentar a «caza de bruxas» que, denuncia este, sufriron «desde o primeiro momento. Notamos que eramos unha directiva incómoda. Viñamos acabar cos vellos vicios adquiridos, traiamos ideas vangardistas, e molestabamos os clubs que son as vacas sagradas do remo galego».

Gago declárase especialmente molesto coa que afirma é unha mentira estendida de que a Liga abríu a tempada 2018 coa primeira regata de remo en Baiona en 30 anos a cambio do pagamento dun campus ao C.R. Vilaxoán, cando este tería posto de feito medios humanos e técnicos gratuitamente para a regata inaugural. Con todo, o expresidente deséxalle «que todo lle vaia ben á nova directiva polo ben do remo», agradecéndolle o traballo aos que foron os seus compañeiros á fronte da LGT, xentes do CM Bueu, CDM Mera, CR Cedeira e CR Vilaxoán.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Melchor Gago fala da súa defenestración á fronte da Liga Galega de Traíñas entre o mea culpa e a «caza de bruxas»