Os Ingleses arrinca a era Lema máis ambicioso cá nunca

AROUSA

Mónica Irago

O novo técnico aspira a mellorar a última gran tempada, e fala de ascenso sen complexos ante o inminente inicio da Liga, este sábado fronte ao Coreti Lalín

04 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Os Ingleses están de volta. O sábado, ás catro da tarde no Estadio de Atletismo de Fontecarmoa, o conxunto vilagarcián iniciará unha nova tempada na Primeira Autonómica de rugbi fronte ao C.R. Coreti Lalín. O primeiro partido dun cambio de ciclo, marcado pola continuidade do proxecto, pero tamén polo punto radical que o novo patrón do banquiño arousán lle imprime na súa declaración de intencións.

Logo de doce anos sobre o terreo de xogo, David Lema vén de colgar as botas. As recorrentes lesións en ambos os dous xeonllos do tardío talonador -comezou a practicar o deporte do balón oval con 19 anos- levouno a dicir adeus ao pantalón curto este verán. E ola á camisa remangada a pé de banda. A coincidencia da súa retirada con 32 anos e a imposibilidade de Ju Santórum de continuar á fronte da dirección do primeiro plantel dos Ingleses fixo de Lema o candidato idóneo da directiva para o relevo. Tendo claro que «cando deixara de xogar pensaba seguir vencellado ao equipo, a verdade é que non o pensei moito» para dicirlle si á directiva, conta o novo adestrador dos Ingleses.

Á súa decisión axudou ademais, explica, que Chamy, que continúa xogando unha tempada máis, e o núcleo de veteráns do vestiario «ofrecéronme a súa axuda». Se a iso se lle suma que Os Ingleses vén dunha sobresaínte tempada, primeiro clasificado na fase regular da Liga e subcampión do play-off polo título, disputando a fase de ascenso á División de Honra B, David Lema non pode máis que asumir a responsabilidade do cargo «con ilusión», salienta. 

Proba do que di é a súa declaración de intencións para a súa primeira tempada á fronte dos Ingleses: «Este ano temos que dar un paso máis adiante. Se o curso pasado fumos subcampións da categoría, ser campións. Se xogamos a fase de ascenso e caímos na primeira rolda -a mans do Ordizia vasco-, desta volta chegar á segunda, tentar o ascenso á División de Honra B, e se o conseguimos -é preciso gañar as eliminatorias con tres equipos-, mellor». Para Lema acadar isto último sería pechar o círculo, logo de ter participado coma rugbier nos dous únicos intentos dos Ingleses de ascender á categoría de prata española, caendo nas dúas ocasións á primeira de cambio -na primeira, no 2009 co Cáceres-.

A continuidade dun plantel de calidade contrastada é a principal baza de partida dos Ingleses para pelexar os soños que o seu adestrador agarda contaxiar e compartir cos que ata hai escasos meses eran compañeiros, e hoxe resultan tamén pupilos. Ademais do propio Lema, só Alejo, home da súa quinta, deixou o equipo, tamén por problemas de lesións.

O á Javi Amor, procedente do cadro Sub-18 do club, súmase á trintena de efectivos cos que traballa o novo estratega dos Ingleses, os menos pendentes inda de oficializar a súa ficha federativa. Un cadro de xogadores con esta composición: Roberto Posada, Biris, JJ, Chamy, Jorge, Cilin, Gamba e Morris, primeiras liñas, Brais, Diego, Gasolinero, Fran, Marcos e Prado, segundas liñas, Gambita, Álvaro, Piraña, Romo e Xoán, terceiras liñas, Jairo, Pintos e Breo, medios, Bosnio, Manu e Sherman, centros, e Bocana, Dodi, Javi, Juan, Manolito e Romo, ás/zagueiros. Mestura de veteranía, con media ducia de homes curtidos por enriba dos 30, que sumados a outros oito xogadores de 26 a 30 anos xuntos desde a súa etapa xuvenil, fan a metade dun equipo completado por rugbieres Sub-25 traballados a lume lento na canteira do club.

 

Ferrol, de novo o rival a bater

A Liga víuse reducida esta tempada de sete a seis equipos. E iso, tras a desaparición do Keltia de Ourense. Un equipo que logo de pelexar sen éxito a tempada pasada polo título con cinco xogadores arxentinos, «desfíxose», conta Lema; «vese que os cartos se acabaron, e ao non ter estrutura de club...».

O que continúa, e tan forte coma o curso anterior, é o Ferrol, de novo o rival a bater, con cinco rugbieres e o adestrador con nacionalidade arxentina, e co técnico dos Ingleses agardando algún outro xogador de Oceanía. O P.R.C., tras a súa separación logo dun ano de matrimomio co Mareantes -este en Segunda-, o CRAT B e o recén ascendido Fendetestas das Pontes, que ocupa a praza do descendido Muralla de Lugo, son os outros adversarios do equipo vilagarcián na fase regular da Liga.

A marcha atrás de varios rivais cos que se concertaran amigables reducíu a un só, a comezos de setembro con goleada ao Lalín, os partidos de preparación dos Ingleses; único punto negro á súa longa pretempada, que arrincaba a comezos de agosto.