«Do Festival de San Sebastián volvín coa sensación do traballo ben feito»

O director Xacio Baño fai moi boa valoración da presentación da súa longametraxe «Trote»


xove / la voz

Foi unha viaxe longa pero frutífera a que fixo Xacio Baño por paisaxes cantábricas, entre o mar e a montaña, para participar dentro da sección Zabaltegi do Festival de Cine de San Sebastián (SSFF) coa súa ópera prima Trote. O seu paso pola grande alfombra vermella recibiu críticas tan extraordinarias coma estas: «Sorprenderá a muchos y convencerá a todos», «Impresionante dominio cinematográfico»... Tamén presentada no Festival de Locarno, a longametraxe ambientada no rural galego, que fala de Carme como coidadora de seus pais e con escenas da rapa das bestas, será estreada previsiblemente en decembro. O cineasta xovense vive un dos seus momentos doces.

-Como dixire o éxito que recibiu esta semana en San Sebastián?

-Ben, vin moi contento. Sempre hai nervios, algo de expectativas, ver se funciona e se o público entra na proposta, quere xogar, se tanto silencio incomoda ao espectador ou goza do rural galego. Volvín coa sensación do traballo ben feito, de que o que fago éncheme e axúdame a estar coa cabeza máis tranquila. E coa idea de facer máis cousas. Parece que aquí comeza a viaxe da película, pero para min, realmente, tamén remata. No momento no que a presentas, xa non é túa. Teño a sensación no meu corpo de que é hora de pasar páxina. Iso é unha das cousas raras da longametraxe. A película rematouse hai seis meses, que foi cando nos informaron de que a querían en Donosti e Locarno.

-Para vostede, Trote é un punto de inflexión na súa traxectoria?

-Si, a verdade é que significa a miña primeira incursión na longa duración. A longametraxe implica outro contacto co espectador, outras expectativas, outro tempo... El vaiche dar hora e media da súa vida, así que tes dúas posibilidades, darlle unha película que o reconforte e o faga seguir unha viaxe e abrir os ollos ou outra, que é darlle o que agarda.

-Fala do cine máis comercial?

-Non digo comercial. O mundo cada vez está máis acostumado a darlle á persoa (vou cambialo por consumidor) o que quere. Hai xente que quere sentarse nunha butaca, pasar unha viaxe máis ou menos feliz ou máis ou menos triste pero non cambiándose a si mesma. Ese espectador quere reafirmarse nas súas ideas, pero non tanto cambiar.

-Manterse na zona de confort.

-O cine, a arte, o que sexa... ten que propor abrir o teu mundo. Un fai unha película e séntase a vela para aprender ou expandirse, e iso implica poñerse por debaixo da película, entender que ás veces non hai que comprender todo.

-Como foi en San Sebastián?

-San Sebastián é un festival de clase A, o máis importante de España, masivo de presenza de público... Unha cousa moi tola! Participei na sección Zabaltegi, que é a máis aberta e na que se fan preguntas. Sentín que a xente o pasou ben, que por momentos se perdeu pero se atopou e acabou a película conectando con cousas do seu ser. Trote vai sobre o animal, o instinto, as necesidades máis primitivas... No coloquio había moito interese por acabar de completar a película. A verdade, foi moi emocionante.

«É a primeira vez que veñen meus pais, tamén veu miña irmá, a unha presentación miña»

A presenza en San Sebastián de Xacio Baño foi coa calor da familia, ademais: «É a primeira vez que veñen meus pais, tamén veu miña irmá, a unha presentación miña. Tamén o fago para non darlle á nosa profesión aires de algo importantísimo. Dáseme ben o cine pero é algo tan básico e normal que non quero darlle unha aura de misticidade. Á parte, en Donosti noteino polas entrevistas, os focos... e iso que a nosa película era ‘cativa’. Pero, si, é doado que un se sinta alí endiosado á mínima, cando o que facemos é do máis humilde, que vén da necesidade de contar o mundo».

-Coa ansia de ver nos cines «Trote», xa agardamos por outro lado polos seus novos proxectos... Así que non nos deixe intrigados e aváncenos un pouquiño, por favor.

-Agora estou facendo unha curta en Xove titulada Augas abisais, que vai sobre unhas cartas dun tío bisavó meu (Casto) da Guerra Civil. É un documental. A miña idea é acabar atopando o seu rastro no mundo. Tiña 17 anos e foi obrigado a ir á guerra (...). E, tamén con Frida Films, a seguinte longametraxe será Ana e o futuro, sobre algo tan importante para min como é a xestión do perdón e o dereito a equivocarse, probar cousas novas, meter a pata. Vai dunha muller, Ana, que volve a unha gran cidade despois de oito anos de xestionar o perdón.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Do Festival de San Sebastián volvín coa sensación do traballo ben feito»