«Sen dúbida ningunha este foi o verán máis complicado en toda a miña carreira»

Antonio Garrido Viñas
antonio garrido VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

Hai un par de semanas, o técnico tiña so 16 xogadores no plantel; arrancará a Liga con 18, seis deles foráneos

24 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Dezaoito xogadores, á espera de que chegue algunha incorporación, e moitas incógnitas presenta un Céltiga que non o tivo nada doado para xuntar un vestiario. Manolo Núñez recoñece que o equipo aínda está por facer, nunha tempada que será moi complicada.

-Vaia traballo que levou xuntar un equipo...

-Pois si, moito custou. E aínda está pendente de completar. Hai dúas semanas tiñamos so dezaseis xogadores. Tivemos moitos a proba para poder chegar a dezaoito.

-¿Pasoullo algunha vez algo semellante?

-Sen dúbida ningunha foi o verán máis complicado en toda a miña carreira. Tivemos que recorrer o mercado foráneo, pero iso non estaba na nosa idea. Non pensabamos que habería tantas dificultades. O plan A fallounos en moitos casos e tivemos que recorrer ao plan B e o C

-¿A que atribúe tantas dificultades?

-Futbolistas de moi bo nivel da provincia non aceptaron as nosas propostas, o Bouzas e o Coruxo tiraron de moitos xogadores de 3.ª para facer os seus equipos e o mercado non era moi grande. E, por riba, o Arousa tamén fixo un equipo practicamente novo.

-¿Que lle fai falla agora?

-Un futbolista que poda xogar en varias posicións do medio campo.

-E con todas estas dificultades, ¿que sensacións ten?

-Estou contento ca resposta da xente, ca súa implicación nos adestramentos. Ben é verdade que un equipo non se fai nunha semana, pero hai unha moi boa predisposición. A cousa non pinta mal. O obxectivo sería repetir a imaxe no único amigable que xogamos na casa, contra o Celta B, que nos deixou sensacións moi positivas.

-E inda por riba, nunha categoría máis complicada que nunca...

-Pois si, vai ser un ano especialmente difícil e complicado. Baixou o Racing e chegaron dous transatlánticos como son o Lugo B e a UD Ourense. Iso si, en ilusión e en gañas de gañar non nos vai superar ninguén.

-¿Como chega o equipo o primeiro partido?

-Con catro baixas polo momento. Mario Jardel ten unha escordadura no xeonllo, Orlando un golpe tamén no xeonllo, Juanín problemas nun nocello e o transfer de Arinse aínda non chegou, pero a Liga é moi longa.