Francisco Alcalde:«Hai unha sobreoferta no mercado, e ao sector estalle custando cubrir gastos»

Bea Costa
Bea costa VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

No último ano medraron as vendas de mexillón, pero seguen os problemas coa etiquetaxe e coa calidade das augas

08 ago 2018 . Actualizado a las 00:28 h.

A Consellería do Mar vén de facer público o balance da produción mexilloeira do 2017, do cal se desprende unha lectura positiva da situación do sector. Produciuse un récord de facturación e de produción, con 267.000 toneladas desembarcadas nos peiraos e unha facturación de 122 millóns de euros, un 11 % máis respecto ao ano anterior. Pero desde o Consello Regulador do Mexillón de Galicia non fan unha valoración triunfalista. Á espera da análise pormenorizada dos datos, o seu presidente, Francisco Alcalde, opina que non é ouro todo o que reloce.

-Como valora o Consello Regulador este balance?

-Podemos constatar que foi un ano bo en canto a calidade de produto, e a iso hai que sumarlle que foi un ano benigno en mareas vermellas, incluso no Nadal estivo todo aberto, o cal permitiu que o sector traballase no mellor momento. A outra lectura que hai que facer é a dos prezos, porque agora o prezo medio é de 0,46 euros o quilo, cando no 2003 era de 0,51. Hai unha sobreoferta no mercado e ao sector estalle custando remontar e cubrir gastos.

-A que obedece este descenso nos prezos?

-A situación inverteuse nos últimos anos. Agora o 62 % da produción vai para o mercado de fresco, e o 38 %, para a industria transformadora, e os prezos nese sector caeron.

-Supoño que ocorre así por efecto da competencia... Cal é o principal competidor do mexillón galego?

-Chile, que no ano 2017 tamén acadou unha produción récord de 337.000 toneladas, a maioría destinada para a industria transformadora da conserva. Hai unha dura competencia nas marcas brancas, e hai que dicir que os produtos de procedencia chilena non sempre están ben etiquetados.

-Esa é a gran teima do Consello. Seguen vendéndose por mexillón galego moluscos que non o son?

-Segue habendo produto mal etiquetado e segue habendo permisividade por parte das administracións. Hai produto foráneo que intentan facer ver que está envasado en Galicia, cando non o está, pero tamén hai produto nacional que se segue etiquetando como das rías galegas sen que pasase os controis do Consello Regulador.

-E qué pasos están a dar para atallar esta fraude ao consumidor?

-O que tratamos de facer é vixiar e facer presión sobre a administración, que é a que ten competencias na materia.

-Máis aló da cuestión dos prezos, as cifras indican que se vende máis mexillón ca en anos atrás. Cales son os principais mercados?

-Estamos vendo que o mercado nacional, en fresco sobre todo, está tirando ben, debido á boa calidade dos rendementos do produto galego. Fóra, os nosos principais compradores son Italia e Francia.

-Ademais da competencia e as etiquetaxes incorrectas, hai algún outro motivo de preocupación para os bateeiros?

-Hai preocupación pola degradación da calidade das augas, sobre todo na ría de Pontevedra, co cambio de clasificación das augas e a estabilización de zona C dos polígonos de Portonovo. O que se necesita é unha maior implicación e concienciación no coidado do saneamento das augas de todas as rías, para poder seguir ofrecendo un mexillón da máxima calidade como é o noso.

-Nese contexto, o de velar pola calidade das augas, inscríbese a loita que o sector do mar, e os produtores de mexillón en particular, está a facer contra a mina de Touro. Teñen algunha novidade ao respecto?

-A única novidade que pode haber é que se denegue o proxecto e se paralice. Iso está en mans da Xunta, e diso non sabemos nada. Estamos falando dunha barbaridade que pode poñer en perigo a viabilidade de todo o sector, que habería que evitar.