«Recoñezo que eu si me sinto profeta na miña terra»

La Voz

AROUSA

CHEMA RIOS

A cantautora meca Carolina Rubirosa actúa esta noite en El Patio, no Grove

03 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Maila que leva oito anos vivino na Coruña recoñece Carolina Rubirosa que se sinte moi meca e que precisa de cando en vez sentir o agarimo e o recollemento do seu pobo. Esta noite sentirá ademais os seus aplausos.

-Que presentarás desta volta?

-Vai ser un concerto de terraza, de verán, no que estarei acompañada polo guitarrista Rafa Otero. Faremos unha primeira parte máis intimista e despois xa haberá que levantar a xente.

-Con repertorio propio ou prestado?

-Intercalarei ambos. Farei temas meus, adiantarei algúns do que irán no meu primeiro disco e haberá versións. Pero personalizadas e levadas ao meu terreo. Gústame sorprender ao público. Cancións como Ni tú ni nadie de Alaska ou I still haven’t found what I’m looking for de U2 soarán case desnudas. Só melodía e voz.

-Para cando, entón, ese disco?

-Agardo que sea este ano. Aínda estou compoñendo e vou gravando aos poucos no meu home studio. Despois iremos facer a masterización a Abbey Road.

-Xa coñecemos algún adianto, como «Sozinha». Será esa a liña?

-Non (rise). Ao final Sozinha vai quedar como a rareza do disco. Quero que sexa un disco variado, que sorprenda. Non me gustan os discos nos que soan igual dende o primeiro ata o último tema. Sozinha saiume en clave de bossa pero outros soan a pop noventeiro ou a folk setenteiro... Hai temas en galego, en castelán e en inglés. Vai ser unha especie de Álbum Blanco, no que van quedar recollidas todas as miñas influenzas. Non me vou cortar.

-Ten algo que ver co que fas en The Funkles, onde eres guitarrista e vocalista?

-Nada en absoluto. Non me gusta encasillarme nin facer só un estilo de música. En The Funkles teño que facer escoitar a miña voz no medio dunha banda moi potente. É outro rexistro diferente.

-Cando saia o disco, presentaralo coa túa propia banda?

-Niso estou, si.

-Sen deixar The Funkles?

-Cada vez é máis difícil manter The Funkles porque todas temos proxectos paralelos e mesmo vivimos en distintas cidades. Pero o grupo encántanos e seguímolo pasando moi ben, así que mentres haxa esa ilusión intentaremos seguir adiante.

-Actuar no Grove é especial?

-Moitísimo. Iso de que ninguén é profeta na súa terra case sempre é verdade. Pero non no meu caso. Eu síntome moi querida e recoñecida e contan moito conmigo. Haberá que estar á altura.