O director deportivo do Xuven quere pelexar a praza en EBA

Baloncesto Felpeto proporálles hoxe aos seus compañeiros de directiva solicitarlle á FEB un oco aproveitando as vacantes noutros grupos


vilagarcía / la voz

A primeira hora da noite de hoxe teñen previsto reunirse os integrantes da directiva que preside Toño Lema para decidir que facer tras a exclusión do primeiro plantel do Club Xuventude Baloncesto da EBA. A categoría na que hai sete días perdía os seus dereitos deportivos como descendido da LEB Prata pola falta da sinatura dun dos catro directivos no aval bancario de 8.000 euros que esixe a Federación Española de Baloncesto para competir na EBA. Co presidente do Xuven mantendo un silencio sepulcral desde que hai unha semana anunciara cun comunicado de prensa o adiamento da asemblea prevista para o pasado domingo por razóns de saúde do propio Toño Lema, o director deportivo da entidade amarela, Manu Felpeto, adiantou onte a súa posición persoal sobre a reacción que debería de adoptar o club, e que esta noite lles proporá aos seus compañeiros na cúpula reitora do Pombal.

«Opino que temos que recorrer ante a Federación Española de Baloncesto para ter esa praza na EBA; xa só por respecto aos socios», di Felpeto, que onte volvía recoñecer que faltaba unha das catro sinaturas de directivos no aval á conclusión o venres do prazo de entrega de documentación. Con todo, subliñou que «o venres enviouse a Madrid o certificado bancario conforme tiñamos o aval concedido, e o luns mandouse o aval con todas as sinaturas».

Así as cousas, o criterio do director deportivo do Xuven é que o club debe interesarse na FEB por «se hai un periodo de corrección de erros deste tipo». Visto o acontecido un ano atrás co Marín e co Zornotza, descendidos da LEB Ouro á EBA por problemas tamén coa tramitación das súas correspondentes prazas na LEB Prata, Manu Felpeto ten contemplada unha alternativa. Así, «vendo que inda hai grupos incompletos -a Federación ampliou ata o día 18 o prazo de inscrición nos grupos B (Madrid, Castela-A Mancha e Canarias), D (Andalucía e Estremadura) e E (Valencia e Murcia), ao haber inda unha vacante en cada un deles, habería que «negociar que algún equipo do A cambiase de grupo -o máis factible sería para o B-». A directiva decide hoxe o camiño.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

O director deportivo do Xuven quere pelexar a praza en EBA