A asemblea do Xuven adíase pola saúde do presidente

A directiva xestiona a preinscrición do primeiro plantel na Liga EBA


vilagarcía / la voz

Os socios do Club Xuventude Baloncesto levaban semanas convocados para o domingo 8 de xullo á asemblea xeral ordinaria da entidade. Unha xuntanza na que a directiva que preside Toño Lema ten previsto informar polo miúdo do delicado estado económico do Xuven, sobre o que descansa a dura decisión dos seus rectores de renunciar á posibilidade de continuar na LEB Prata logo do descenso deportivo e tras a ampliación da categoría de 16 a 24 equipos a vindeira tempada. Mais a asemblea quedou onte adiada sen data. O motivo, explicou o propio presidente a través dun comunicado de prensa, o estado de saúde que atravesa el mesmo: «Llevo ya unos meses con un problema serio de salud y en estos momentos el mandato médico me obliga a tomar esta decisión, que aguardo no se alargue mucho en el tiempo. Hay momentos en los que hay que tomar decisiones que puede que no agraden a todos, pero os aseguro que estoy muy afectado por mi enfermedad».

Pese á súa situación persoal, Toño Lema e o seu equipo están a traballar na medida do posible de cara á vindeira tempada. No tocante ao primeiro plantel do club, dando os pasos correspondentes de cara a inscribir o equipo na EBA. Comezando pola xestión do aval, trámite este moito máis asequible respecto ás cinco tempadas anteriores, nas que inscribir o Xuven na LEB Prata requería partir dun documento legal por valor de 60.000 euros que o respaldase.

Con todo, desde o club subliñan que a xestión da preinscrición na EBA non supón que o Xuven remate saíndo na cuarta e última categoría estatal do baloncesto español, ao non descartar a directiva mesmo baixar outro chanzo, ata a Primeira Autonómica. Unha decisión que, de partida, despexarán os responsables do Xuven a vindeira semana, antes da asemblea.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

A asemblea do Xuven adíase pola saúde do presidente