«A ría é un ecosistema maduro que hai 60 anos absorbeu o impacto das bateas»

Rosa Estévez
rosa estévez VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

O ecólogo Luís Outeiro defende que as actividades produtivas poden manter o seu «status quo», en Arousa, pero pensando no futuro

02 jul 2018 . Actualizado a las 09:44 h.

É carrilexo, e dende pequeno mollou os pés da auga da ría de Arousa. Non é de estrañar que este mar, cheo de vidas, se convertera no centro do estudo que leva tres anos realizando dentro dun proxecto posdoutoral da Xunta de Galicia. Especialista en economía ambiental e ecolóxica das zonas costeiras, Luis Outeiro colaborou dende con biólogos ata con economistas para coñecer a situación real da ría. Son preguntas incómodas, recoñece, pero que cómpre facerse para garantir que bateas e a pescar artesanal poidan seguir aí, dándolle forma, dalgún xeito, ás nosas vidas de habitantes de pobos costeiros.

-¿En que consiste o seu traballo?

-O proxecto toca a parte da ecoloxía de ecosistemas e a modelización da cadea trófica. Na ría, a base sería o fitoplancton, e na parte máis alta teríamos os arroaces. Cunha particularidade moi nosa, que é que dende hai sesenta anos temos o cultivo de mexillón. As bateas, e a súa instalación marcou un antes e un despois no ecosistema que tiñamos aquí. Do que se trataba era de ver en que estado estamos a nivel de ecoloxía, e como iso está a trasladarse cara o ámbito económico, e despois levalo de volta ao ecolóxico.

-Hai sesenta anos as bateas apareceron as rías e as rías cambiaron. ¿Para mellor, para peor? ¿Ou simplemente para ser diferentes?

-Pasamos a outro estado no que hai unhas especies que se beneficiaron máis e outras que non se beneficiaron tanto. Que aínda están, pero reducidas. Dende o establecemento da acuicultura do mexillón houbo -e iso é coñecemento tradicional local- un descenso da biomasa, dentro da ría, das especies que compiten en alimento co mexillón. Pero Galicia se transformou en base a iso. Antes eramos unha cousa, agora somos outra diferente, máis adaptada á modernidade.

-¿Que desvela o seu traballo?

-Ademais de modelizar a cadea trófica, intentamos determinar a capacidade de carga ecolóxica e produtiva das bateas e da pesca artesanal, analizamos como están condicionadas por outros factores, como os climáticos. Sobre todo, o vento, que é o que proporciona a renovación das augas, que haxa afloramento... Iso tamén hai que metelo nesa relación, porque se entramos nun escenario de cambio climático e descenden eses ventos predominantes que nos proporcionan o fitoplancto para manter o sistema, tamén o temos que ter en conta á hora de planificar un futuro no que as bateas poidan manterse. As bateas teñen que estar aí e seguir producindo, e a pesca, e o marisqueo.

-¿Pola importancia económica?

-As bateas teñen unha capacidade de distribución económica moi importante. E coñecendo o que hai no mundo, son da industria a nivel acuícola que distribúe mellor a riqueza, e por iso hai que defendelas e coidalas. A nivel ecolóxico tamén teñen unha importancia radical, porque son estruturas en tres dimensións que nos permiten albergar outras especies de valor comercial, como poden ser a nécora, o camarón, mamíferos mariños... Pero o mexillón tamén é un bivalvo que é moi ineficiente. Filtra moitísima auga, e con ela chupa as larvas que están flotando na auga, moitas de especies comerciais. Entón, o que se está dando é unha especie de perda de heteroxeneidade e diversidade de especies. Hai moito mexillón. E esta é unha cuestión de dimensión que nos temos que plantexar.

-¿Hai máis bateas das que a ría pode soportar?

- O estudo é claro. A nivel cuantitativo estamos por riba da capacidade de carga ecolóxica, que non da produtiva. Iso non quere dicir que haxa que crear un discurso negativo contra as bateas, para nada. A nosa ría é un ecosistema maduro e por iso, despois de sesenta anos, podemos dicir que hai unha densidade altísima de mexillón, das máis grandes do mundo, cuxo cultivo coexiste con outras actividades, como a pesca artesanal, que extraen especies que están en competencia co mexillón, e das que vive moita xente tamén. Esa é outra parte do estudo. Si, estamos por riba da capacidade de carga ecolóxica, pero o noso ecosistema ten unha capacidade tan enorme de absorber impactos, que podemos dicir que hoxe en día podemos manter o status quo sen maiores detrimentos...

-Pero pódese mellorar...

-O escenario que se pode plantexar -e isto hai que tomalo a nivel experimental, como facemos os investigadores- é que haxa unha redución da densidade do cultivo en zonas nas que o mexillón non medra tan ben coma nas outras. Iso tal vez permitise subir o prezo do mexillón e, a nivel ecolóxico, permitiría un respiro. Pero iso, en todo caso, sería algo que se analizaría se se segue co proxecto.

-Matiza ben o de teórico, porque a proposta pode acender os ánimos...

-Eu son un firme defensor do mexillón, xa o dixen. O meu avó traballou no mexillón. As bateas, para min, son un caso único no mundo, un exemplo a seguir. Pero iso non significa que non nos preguntemos cal é a situación real na que nos atopamos. É coma se tivésemos medo de saber a verdade. Eu penso que nos temos que facer as preguntas. O meu traballo consiste en xuntar as dúas partes, a ecolóxica e a económica. E a capacidade de redistribución da riqueza das bateas e tan radical que hai que introducila na ecuación. Igual non diría o mesmo en Chile.

-¿Por que?

-Alí, por unha serie de circunstancias, dende a estrutura administrativa ata ás distancias, hai unha falla de rigor moi grande na fiscalización. Iso da pé a que dende algunhas empresas se cometan grandes atentados ecolóxicos e socioeconómicos contra os dereitos laborais, contra os dereitos dos traballadores.

«As bateas son a industria acuícola que distribúe mellor a riqueza, por iso hai que defendelas»

«O escenario que se podería plantexar, sería o de reducir a densidade do cultivo nalgunhas zonas»

«O cambio climático hai que telo en conta; son os ventos os que permiten a entrada de alimento»

«Eu quero traballar aquí; poñer a Galicia no mundo en termos de economía e ecoloxía pesqueira»

Luís acaba de facer unha entrevista de traballo nunha universidade de Carolina do Norte. «É para unha praza de asistente-profesor con titularidade», explica. De todos os xeitos, coller o avión e poñer rumbo aos Estados Unidos non é o que quere. «Eu o que quero é traballar aquí. A miña vontade é seguir facendo o que estou facendo, poñer a Galicia no mundo en termos de economía e ecoloxía pesqueira. Se vas por aí, ao final estás traballando para o resto do mundo». E non no noso. «Todos os investigadores temos un lugar co que soñan en facer os seus traballos. Ese espazo, para min, é a ría de Arousa», asegura. Pero que poida quedar aquí, seguir facendo o seu estudo, seguir formulando preguntas incómodas que poidan conducir a respostas que melloren as cousas, vai depender de que a Xunta de Galicia aprobe a segunda fase do seu traballo. Xa sabía que, chegados a este punto, ía ter que deixar a súa vida en suspenso mentres non se resolva o seu futuro. O mundo da investigación, nesta terra nosa, non adoita ser un camiño de rosas. E iso que Luís reborda talento, polo menos iso é o que di o seu currículo.

Este carrilexo, que presume de vir dunha familia de mar, é licenciado en Xeografía pola USC e Doutor en Xeografía Física pola Universitat de Barcelona. Foi alí onde se meteu de cheo no mundo da investigación, asumindo moitas responsabilidades e viaxando por diversos países, de Estados Unidos a Australia. Pero chegou o 2010, o ano no que leu a tese. A crise xa chegara, sen permiso, e «houbo un parón total». «Todas as administracións españolas cerraron todas as convocatorias». E non quedou outra que emigrar. Marchou como investigador á Patagonia, onde pasou tres anos. «Pero quería volver, quería facer cousas polo mar que eu mamei, pola pesca e o polo marisqueo. Para min, isto é o mellor do mundo».

Tivo sorte: conseguiu unha beca como investigador posdoutoral centrada na «optimización na xestión dos sistemas socio-ecolóxicos cun enfoque baseado no ecosistema e valoración económica dos servizo ecosistémicos mariños». Ou, o que é o mesmo, a interacción entre ecoloxía e economía, no seu caso na ría de Arousa. Ese viaxe científico tivo parada en Francia e Canadá, onde traballou coa elite do mundo da investigación. Agora, de volta en Galicia está en suspenso. Á espera. «Os investigadores galegos somos carnada fácil para as universidades americanas», conclúe.