«As mulleres teñen que saber que o seu traballo é vital para o sector»

Rosa Estévez
rosa estévez CAMBADOS / LA VOZ

AROUSA

CAPOTILLO

Esta tarde, Foro Voz para darlle a volta ao mar, no auditorio da Xuventude, en Cambados

27 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

maría álvarez lires

A traxectoria de María Álvarez Lires apunta, sempre, cara un obxectivo: a igualdade. Esta profesora do departamento de Didáctica das Ciencias Experimentais da Universidade de Vigo é autora do traballo «As mulleres na pesca. Faenando cara a igualdade», no que analiza a invisibilidade que arrodea ás mulleres do mar.

-Hai moitas. E, sen embargo, parece que só hai mariscadoras...

-O caso das mariscadoras ten unha explicación. A finais dos anos noventa, conseguiron un grado de asociacionismo interesante. Acadaron organizarse, son un sector de mulleres empoderadas... Polo demais, as mulleres son invisibles na sociedade de hoxe en día, e no mar tamén. Se a iso lle sumamos que o mar tamén é invisible, e que o traballo que a muller desenvolve en terra, pero vencellado ao mar, tampouco se ve, sumamos ata tres invisibilidades. E é así como nos atopamos nesta situación de ocultación do traballo das mulleres, de diferenzas de salarios...

-É sorprendente o caso das bateeiras. Hai moitas mulleres no sector do mexillón, pero non se ven. Non están nos órganos de decisión.

-Sigue existindo un machismo e un sexismo feroz. Os sectores máis masculinizados resístense a ceder a toma de decisións.

-Será a toma de decisións, porque o traballo das mulleres é aceptado a bordo.

-Claro. Os traballos na casa, e de coidados da familia, son cousa das mulleres, e socialmente non se lles dá importancia ningunha. Cando fixemos o estudo, unha redeira díxonos que a xente pensa que os peixes saltan sós a bordo. Ninguén pensa que detrás hai unha redeira facendo e reparando as redes, un traballo que é fundamental para a viabilidade da flota. É preciso que o traballo das mulleres sexa recoñecido, e o camiño cara ese obxectivo debe de ser o asociacionismo. Hai que fomentar movementos asociativos para aumentar a voz, a presenza das mulleres en foros e espazos de decisión.

-Dicía que as mariscadoras forman un colectivo de mulleres empoderadas. Non embargantes, hai moitas que seguen a ver o seu traballo como un simple «complemento» á economía familiar.

-Non só as mariscadoras. Hai mulleres que desempeñan traballos de xerencia en empresas relacionadas co mar, e cando lle preguntas en que consiste a súa labor din «axudo a». Cando lle fas a mesma pregunta ao home, a resposta non vai por aí. Isto forma parte da educación que reciben as mulleres, que se acostuman a adoptar un papel subordinado. As mulleres teñen que tomar conciencia de o seu non é un traballo subsidiario, senón fundamental para a supervivencia do propio sector. Se non hai mariscadoras, non hai marisco que enlatar.

-Falaba do asociacionismo como maneira de darlle a volta a esta situación. ¿Hai outras liñas de actuación que axuden?

-Hai moitas cousas que facer. Plans de igualdade, de sensibilización, de formación. Hai que mellorar a autoestima das mulleres. E hai outros factores a ter en conta. Por exemplo, facendo as nosas investigacións atopámonos con que faltan moitos datos desagregados por sexo e con indicadores de xénero.