«No barco eu non son un apoio, son unha peza máis da engranaxe»

Rosa Estévez
rosa estévez CAMBADOS / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

Esta tarde, ás oito e media, Foro Voz para darlle a volta ao mar, na Xuventude de Cambados

27 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

teresa otero

Móvese sobre a batea con esa facilidade de quen ten o corpo afeito ás mareas. Teresa Otero naceu na Illa. É filla de bateeiro. Ela e o seu home traballan o mexillón. E a súa filla decidiu hai un tempo coller o relevo e converter a ría de Arousa no seu lugar de traballo.

-¿Cantos anos leva na batea?

-Empecei de rapaza, co meu pai. Ía no verán, botar unha man. Daquela todo o mundo tiña que botar unha man nas cousas da casa, e se tocaba ir á batea íase.

-E non era a única.

-Non, sempre houbo moitas mulleres nas bateas. A miña nai xa ía, pero daquela, o traballo era máis estacional. Había traballos para os que embarcaban sempre as mulleres, como o de desdobrar ou encordar a cría. Iso era cousa delas. Pero, por exemplo, a apañar a cría nunca ían, iso era cousa dos homes.

-¿Cando se converteu a batea no seu traballo?

-Pois no ano 1982. Dende aquela ata agora, cun parón de dous anos que decidín probar en terra, nunha cooperativa téxtil. Foi ao probar outro oficio, outros horarios, cando me decatei da calidade de vida que nos dá o mar. É o mesmo que lle pasou á miña filla, que estaba traballando en terra. No mar ti eres o teu propio xefe, organízaste ao teu xeito e, ao ser unha empresa familiar, cubrímonos os uns aos outros cando fai falla.

-¿Cal é o seu papel no barco? ¿Sinte que o seu traballo é recoñecido?

-Si, claro. No barco hai un trato entre iguais. Á hora de traballar non hai diferencias e todos expoñemos as nosas ideas. No barco, eu non son un apoio, son unha peza máis da engranaxe, coma todos nós.

-¿Levoulle tempo conseguir ese estatus?

-Levoume, si. E puiden facelo porque quedou unha xeración, a do meu pai e meu sogro, atrás. Con eles as formas de facer as cousas eran outras: eran os patriarcas e decidían como se facía todo. Como eu digo, empecei a facer traballos con corenta anos que non me deixaran facer con vinte. Saltar á batea, ir á cría, manexar á grúa. Iso antes estaba fóra do noso alcance. Cando pasou esa xeración, a que lle concedías cousas por unha certa reverencia, tiven que conquistar eses novos espazos.

-Malia ser un sector moi feminizado, o certo é que as mulleres non se deixan ver demasiado no ámbito das directivas e das tomas de decisión. ¿Por que?

-Neses ámbitos somos invisibles. Calquera que vaia a unha asemblea dunha asociación verá que nelas non hai mulleres. Cando había convocatorias, na casa dicían «non fai falla que vaias». Eu empecei a ir nun momento moi puntual, por uns problemas que xurdiran na agrupación, e quedei moi sorprendida, porque cando quería facer algunha pregunta dicíanme «déixao ir». É un ambiente cerrado, duro, moi machista aínda.

-¿Pero imos avanzando?

-Quédanos moito por facer. Levamos moitos anos así e vai custar traballo mudar as cousas. Pero pouco a pouco vai habendo cambios. Por exemplo, non hai moito, era impensable que un pai lle deixase a batea a unha filla. Se é a un fillo, sen problemas, pero a unha filla... Iso xa cambiou. E supoño que así, pouquiño a pouco, iremos facendo o camiño que queda por diante.