O Atlético Arousana acepta un billete de regreso á Segunda División

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

A RFEF cursoulle unha invitación á Federación Galega ante a renuncia no grupo asturiano a dar o salto á categoría de prata do balompé feminino español. Nando volve ao equipo, como segundo de Juan Laxes e preparador físico

26 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O Atlético Arousana xogará a vindeira tempada na Segunda División. Por terceira ocasión desde a creación da categoría de prata do balompé nacional, a que se creou no ano 2000 como chanzo de transición entre as ligas de cabeceira de cada comunidade autónoma e a Superdivisión, hoxe Primeira, o equipo vilagarcián recupera a praza tras un único curso de penitencia entre as catro paredes do fútbol galego. Só que se nas dúas ocasións anteriores o regreso se conseguira de oficio, como campión galaico, desta volta o retorno chegou pola vía postal. Cunha carta enviada o pasado día 19 pola Real Federación Española de Fútbol á Galega na que «como continuación a la reunión del Comité Nacional de Fútbol Femenino, y al haber renunciado a su plaza la Real Federación del Principado de Asturias, le solicitamos nos propongan un club de su Federación para cubrir dicha vacante. Se deberá tener en cuenta el orden de la clasificación de su liga territorial». A Federación Galega tiña ata hoxe, día 26, para contestar, pero sobroulle tempo, por canto a resposta do Atlético Arousana, informado da vacante o pasado venres, foi casi instantánea: Si, quero.

Ascendido o C.C.A.R. Valladares coma campión, co Deportivo B non podendo subir ao ser o seu primeiro plantel equipo de Segunda División, o cadro vilagarcián era o primeiro en ter dereito á praza coma terceiro clasificado da Primeira Galega a pasada tempada. A voceira da directiva e capitana do Atlético Arousana, Carolina Baños, lembraba onte tras desvelar a noticia que «para ello -o ascenso- se trabajó durante la última temporada». Só que o seu colectivo se atopou cun intratable Valladares, e no treito final do campionato, salienta a futbolista, con cinco lesións de xogadoras importantes na pelexa por tentar manter o segundo posto da clasificación, finalmente a mans do Deportivo B.

Agardando a que a RFEF remate de concretar a configuración do Grupo 1 da Segunda División, habitualmente integrado por equipos de Galicia, de Asturias e de Cantabria, o que si sabe o Atlético Arousana é que, ademais do C.C.A.R. Valladares, contará entre os seus rivais con outros catro conxuntos da terra: Deportivo, Friol, Sárdoma e Matamá. Agora toca traballar en mellorar un proxecto inicialmente pensado para o ascenso á Segunda División.

Nando volve ao equipo, como segundo de Juan Laxes e preparador físico

A directiva e o adestrador do primeiro plantel do Atlético Arousana, un renovado Juan Laxes, tiñan xa ben avanzada a construción do plantel 2018/19, coa renovación, informaba onte Carolina Baños, da totalidade das xogadoras que defenderan a camisola amarela e azulona o pasado curso.

Loxicamente, unha vez aceptada a praza ofrecida pola RFEF a través da Galega, toca apuntalar o proxecto con varias fichaxes con calidade e, convenientemente, tamén con experiencia na categoría de prata española.

Neste capítulo, Baños informa de que «estamos teniendo conversaciones con más gente, y esta semana confiamos en tener noticias» máis aló de recuperar a Belén Millán, a dianteira centro de Bertamiráns que tras rematar pichichi do Grupo 1 da Segunda División na tempada 2016/17, fichara o pasado verán polo filial do Valencia. Belén reincorporouse ao Arousana no último mes da pasada Liga de Primera Galega.

O que si está xa confirmado é a volta de Nando González, o adestrador do Atlético Arousana nos seus dous últimos cursos na Segunda División, que fará agora os labores de segundo de Laxes e de preparador físico do equipo.