O Benfica lévase a final lusa do Torneo Cidade de Vilagarcía

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

O cadro lisboeta venceu 2-1 o Porto, e sumou os premios individuais ao mellor xogador e máximo goleador

25 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A sétima edición do Torneo Internacional Benxamín Cidade de Vilagarcía falou onte portugués. Cunha final entre o Benfica e o Porto, na que o cadro lisboeta rematou impoñéndose por 2 goles a 1. Tantos, os do equipo campión, asinados por dous dos seus tres mellores homes. Con Jose Neto, elixido xogador máis valioso do torneo, abrindo o marcador no minuto 11 do primeiro tempo nunha contra na que demostrou unha brillante mecánica e velocidade de definición. E co pichichi da cita vilagarciá, Leonardo Tavares, redondeando a súa conta anotadora nunha maxistral execución directa de falta ao borde da área a dous minutos da conclusión da final, cando o Porto semellaba en disposición de poder gañar logo de empatar, tamén de falta directa, dous minutos antes da man de Rodrigo.

Como prólogo da final, disputada como todos os partidos desde o cruce de cuartos no estadio da Lomba, o Antiguoko facíase co terceiro posto na quenda de penaltis, tras empatar a 2 co Promesas Elche. Pola mañá, no Manuel Jiménez, o Ural facíase co Trofeo Clae Viajes, polo que competiron os terceiros clasificados da fase de liguiña, vencendo 2-1 o Atlético Perines de Santander.

Ademais dos xa sinalados, estes foron os galardóns individuais. Equipo ideal: Arturo Areste (Promesas Elche, tamén mellor porteiro do torneo), Rafael Afonso (Benfica), Miguel Pintos, (Selección Ría de Arousa), Moisés Akuru (Atlético Madrid), Álvaro Díaz (Bansander), Francisco Gomes (Porto), Jose Neto e Anass El Fakhar (Antiguoko). O Antiguoko recibíu o premio ao equipo máis solidario, os seareiros do Porto á mellor afección, e Samuel Álvarez, Mosto, da Selección Ría de Arousa ao mellor técnico.