O C.R. Mecos escala á quenda de honra da LGT-A co terceiro posto en Oleiros

AROUSA

Marcos Canosa

A traíña de Fran González acabou a só 7 segundos da gañadora, Meira, e a menos de 5 de Ares. Vilaxoán foi sétima, e Amegrove novena

24 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A primeira regata polo sistema tradicional de catro rúas servíulle ao C.R. Mecos-Isabel para postularse á pelexa polo título da Liga Galega de Traíñas A. Tras rematar quinta na regata de apertura da competición regular autonómica unha semana atrás en Baiona coas embarcacións competindo en quendas de tres en tres, onte, na Bandeira Baía de Mera-Virxe do Carme, o barco de Fran González impúxose na serie intermedia, xa sobre a tradicional distribución de catro traíñas por saída, gañándose unha praza na quenda de honra o vindeiro sábado na Regata Virxe do Carme do Grove.

Partía Mecos como rival de si mesmo ante Rianxo, Vilaxoán, e Amegrove, e demostrou un alto xen competitivo. Parando o crono en 20.28,80; completando a regata con 28 segundos de diferenza respecto a Rianxo, 35 con Vilaxoán -sétima da Bandeira- e case 55 sobre Amegrove -novena-. E o que é máis importante, rematando a tan só 7,57 de Samertolameu (20.21.23) e a 4.93 de Ares, gañador e segundo clasificado en Oleiros. Mecos quitoulle 1,23 a Mera, terceira na quenda de honra, e 20 segundos a Bueu, á que despraza desta última como novo terceiro clasificado da xeral cos mesmos 18 puntos ca Mera e ca Bueu, cuarto e quinto. Vilaxoán é agora sexto, e Amegrove oitavo.